O 17 de maio é unha das efemérides anuais referenciais no noso país, o dia das Letras Galegas. Comezou a se conmemorar no 1963, coincidindo coa celebración do centenario da primeira edicion de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. E nestes cincuenta e nove anos tense estabelecido no calendario para lembrar escritores e escritoras que contribuíron para o patrimonio literario coletivo coas súas obras.
Desde hai 40 anos, o galego é lingua co-oficial, canda o castelán, desde a aprovación do Estatudo de autonomía de Galicia. Porén, frente o dereito e deber de coñecer o castelán, para o galego existe apenas o dereito. Así é que a súa introdución na administración e no ensino non levou aparellada unha situación de normalización no uso. O Consello de Europa, através dun Comité de Expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas, ten amosado preocupación polas cifras de progresivo desuso da língua propia, en particular nos ámbitos da xustiza, a administración e o ensino. O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén sinalando nos seus informes unha tendencia a abandonar o galego, e hoxe o 23,9% dos menores de 15 anos non saben expresarse neste idioma. Esta situación de progresiva substitución linguística fai con que a data das Letras Galegas, para alén dun día festivo, sexa tamén unha xornada de manifestacións e festas reivindicativas.
Língua internacional
En 1980 a homenaxe do Día das Letras foi para Afonso X, o Sábio, Rei de Castela e León no século XIII, nacido en Toledo, e um dos máis recoñecidos trovadores en galego-português.
Unha das estratexias para a posta en valor da lingua galega é recoñecer o feito do galego ser lingua internacional, por pertencer ao tronco común galego-portugués. Unha realidade linguística que -para alén dos factores emocionais e identitarios valiosos e inherentes a calquera idioma- representa no noso caso unha riqueza extra, que nos outorga unha posición privilexiada: termos capacidade comunicativa con dous dos cinco principais bloques linguísticos mundiais por número de falantes: a hispanofonía e a lusofonía.

Fotografía: @wikimedia commons
Xela Arias
A institución encargada da escolla da persoa homenaxeada é a Real Academia Galega, e os tres pre-requisitos para ser proposta candidatura é: ter unha obra literaria relevante escrita en galego, teren pasado máis de dez anos desde a súa morte e ter o apoio de, polo menos, tres membros da Academia.
Este ano, a homenaxeada número cincuenta e nove é a escritora Xela Arias. Xela morreu aos 40 anos en 2003 e ten publicados os libros Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). A súa voz poética é considerada transgresora e vangardista pola crítica. E a homenaxe, para alén do recoñecemento, permite que a divulgación da vida e obra da escritora ao longo de todo o ano, favorecéndose a organización de eventos, reedición da súa obra e novas creacións con ela como protagonista.

Fotografía de Xulio Gil.
A importancia da oralidade
Outra parte fundamental das Letras Galegas son as letras cantadas e faladas; a literatura oral. Unha tradición presente en todas as linguas do mundo, constituída polo conxunto de textos literarios que residen na memoria e son transmitidos por medio da voz dentro da comunidade. Aínda que as expresións orais poidan ter orixe nun texto anterior, ou sexan recompiladas por escrito posteriormente, destácanse por ser a voz o seu principal medio de transmisión.
Na literatura oral agrupanse manifestacións artísticas diversas: lendas, mitos, contos tradicionais, adiviñas, coplas… Ou calquera expresión verbal con carácter estético que sexa transmitida pola voz. En xeral, estas expresións reflicten a identidade, valores e asuntos significantes para a comunidade, por iso son recollidos, repetidos e difundidos.
Así é que no mundo da música tradicional, cómpre dar espazo, lembrar e celebrar em particular esta liña de creación das Letras Galegas, a de contadores e regueifeiras, que son cultura e riqueza popular. O 17 de maio e todos os días.

Fotografía: @Cultura.gal