25 de Xullo, Día Nacional de Galiza!

O estatuto de Autonomía de Galiza comeza recoñecendo no artigo 1 do título preliminar, que Galiza é unha nacionalidade histórica. O artista e intelectual galego Afonso Rodríguez Castelao, dixo que Galiza era unha nación por ter «lingua propia, economía propia e hábitos psicolóxicos reflectidos nunha comunidade de cultura».

Poderíamos falar dos mil ríos, das cantigas medievais, da idiosincrasia, da retranca, da morriña ou da gastronomía sen par. Dos usos da terra, da literatura, a riqueza de materias primas, os mil cincocentos quilómetros de costa, os Mártires de Carral, as Revoltas Irmandiñas, os castros, os faros, as augas termais, da xenerosidade do pobo traballador. Da cerna da madeira de buxo. E por suposto, dunha música de raíz diversa, complexa e viva, que nos conecta co territorio e coas persoas, desde calquera canto do mundo.

Cartel promocional del Estatuto de Galicia de 1936. 

Hai un amplo consenso hoxe, dende a presidencia da Xunta até os movimentos sociais con propostas máis críticas e alternativas, en que Castelao foi un grande e que Galiza ten identidade cultural propia e diferencial.
O 25 de xullo, festividade do apóstolo Santiago, recoñecido oficialmente como Día Nacional de Galiza, é a festa oficial do país segundo decreto da Xunta dende 1979.
As orixes desta data remóntanse a 1919, na II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, onde se decide marcar o Día Nacional de Galiza no 25 de xullo. Desbotouse durante o debate, a proposta alternativa que defendía Antón Vilar Ponte, para celebralo o 17 de decembro, considerada daquela o aniversario da decapitación do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo no século XV.
Durante a dictadura de Primo de Rivera, as ofrendas ao apóstolo por parte do dictador levaron a reabrir o debate sobre a proposta de recuperar para a celebración a data do asasinato -ordenado polos Reis Católicos- contra o nobre galego Pardo de Cela. 

Durante a ditadura franquista, o 25 de xullo institucionalizouse como festa oficial en todo o Estado, sinalando a Santiago como Patrón de España, e só deixou de ser oficial tras a morte de Franco. A celebración para conmemorar o Dia Nacional de Galiza recuperouse tres décadas despois do golpe fascista do 36, no ano 1968 cunha manifestación clandestina convocada polo Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG). Daí en diante, continuaron convocándose mobilizacións nesta xornada pola AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego), e posteriormente polo Bloque Nacionalista Galego e outras organizacións até a actualidade. Cómpre salientar, aínda, que todas estas mobilizacións estiveron prohibidas até mediados dos anos oitenta.

Fotografía: @santiagoturismo

 

Hoxe, son ducias de miles as persoas que se xuntas o 25 de xullo na capital galega, no día da Patria, reclamando maior soberanía. Moitas outras festas celebran a comunidade que somos, no país e até na diáspora.
Sexa cal for o modelo político-administrativo desexado para o noso pobo, o que temos en común os galegos e as galegas é o orgullo do noso e a capacidade de celebralo ao noso xeito. Con certeza, sen que falte a música tradicional!