O coñecemento musical, que implica aprender solfexo, desenvolver o sentido do ritmo, identificar e distinguir os diferentes tipos de melodías, etc. Son algunhas das aprendizaxes evidentes cando se comeza o estudo de calquera instrumento musical. Mais a gaita, a maiores, ten particularidades que nos aportan varios beneficios extra cos que tal vez non contases:
1º · Mellora a túa vida social
A gaita é un instrumento de carácter social, e no noso país, como en moitos centros galegos arredor do mundo, fanse festas, eventos e encontros nos que cómpre acompañamento musical. Neste contexto, a gaita é unha óptima ferramenta de socialización. Chamarante para todas as foliadas. Ampliarás o teu círculo de amizades e coñecerás xente creativa e alegre. Esa si que é muiñada, vivir cantando! Ademais, se te integras nun grupo ou nunca banda podes ter a oportunidade de viaxar e descubrir festas e festivais fascinantes.
2º · Aumenta a túa intelixencia
O que oes! Seguindo a teoría das intelixencias múltiples desenvolvida polo psicólogo estadounidense Howard Gardner, para alén das habilidades lóxico-matemáticas ou lingüísticas, hai outros saberes de igual importancia como son a visual-espacial, a corporal-cinestésica, a interpersoal ou, con certeza, a musical. A música contribúe ao desenvolvemento da capacidade de abstracción e aumenta a túa capacidade intelectual através do son.
3º · Reduce o estrés
No momento en que te concentras para tocar a gaita desaparecen as preocupacións do teu cerebro, a mente vese obrigada a enfocar a atención no seguimento do son, no timbre, no ritmo. Así é que mesmo un ensaio curto, axuda á relaxación, e podería considerarse un tipo de meditación ou mindfulness. Ademais, a música fai que o corpo segregue dopamina, unha das hormonas da felicidade, reducindo os niveis de estrés e ansiedade. Se non pensaras na gaita como un complemento para mellorar a saúde mental, velaquí a evidencia.
4º · Axuda a corrixir a postura corporal
A postura correcta para tocar a gaita é coa cabeza erguida e o fol ben situado debaixo do brazo. A aprendizaxe para tocar a gaita implica mellorar a coordinación corporal, para coller e manexar o instrumento correctamente mentres se toca. Tanto por unha cuestión estética como por saúde, é importante saber aliñar correctamente as costas, para evitar lesións e aproveitar no máximo a túa capacidade respiratoria, con respiracións diafragmáticas. Así respirarás sen afogares e sen ter que estar seguido coa boca inchada.
5º · Aprenderás sobre historia e cultura tradicional galega
Case sen dáreste conta, ao comezar a tocar a gaita irás adentrándote no mundo do “tradi”. Recoñecerás distintos tipos de traxe, identificarás as diferentes agrupacións musicais, as celebracións de cada estación e as súas festas, e con algo de curiosidade até podes descubrir as orixe e prácticas culturais colectivas do noso pobo desde tempos inmemoriais. Aprenderás un lote de coplas: toda a literatura oral en verso que conservamos grazas á música fala da realidade social do noso pasado e do noso presente, configurando un retrato antropolóxico e sendo un ben inmaterial riquísimo. E aínda, case sen querelo, é fácil que poidas tocar outros instrumentos de vento, así como, ao dominar os ritmos e as foliadas, tamén será sinxelo que te atrevas coa percusión.
Viches cantas regalías derivadas de toca a gaita?
Fotografía de portada: juantiagues (Flickr)