O dicionario define culler como o utensilio que consta dun mango longo e unha pa oval no extremo, usado para levar á boca líquidos ou substancias pouco consistentes. A sopa cómese coa culler. O termo provén do latín cochleare, e é das ferramentas máis antigas para relacionarse coa comida. Desde o neolítico atopamos comunidades que utilizaban culleres para cociñar, mover líquidos, servilos e comelos. De feito, até o século XIX a culler, xunto co coitelo, era o instrumento fundamental -e non o garfo- usado para as comidas.
Ao longo dos séculos e dos territorios teñen variado os materiais das culleres, sendo ósos, madeira, pedra, barro cocido ou metais os máis frecuentes.

Fotografía: Metropoli
Pois ben, este instrumento doméstico tense convertido en instrumento tamén musical, vinculando de xeito espontáneo a celebración arredor da mesa con facer música. Facilmente nos podemos imaxinar, mesmo miles de anos atrás, as persoas a improvisaren cancións arredor da mesa, e para iso, bótase man das culleres, para acompañar os cantos.
É imposíbel datar en que momento as culleres alargaron o uso culinario para o musical, se é que un distou do outro, o que sabemos é que a idea de utilizalas para entrebatelas e producir música non é patrimonio exclusivo da tradición galega, e atopamos estes usos como instrumentos idiófonos en lugares tan distantes como Rusia ou Bali.

Antes da popularización das culleres de metal, no noso país o material máis empregado era a madeira, e nomeadamente o buxo (Buxus sempervirens). De feito, este é o material máis frecuente hoxe para as culleres pensadas como instrumento musical, como as que temos no noso obradoiro. Temos, tamén, culleres de nogueira e aínda as de madeira de palisandro, un material denso, de máxima calidade e de grande concavidade, para os tocadores e tocadoras de culleres máis esixentes.
As culleres poden usarse soltas, para bater con elas na mesa, nun tambor, caixa ou noutras superficies. Tamén hai quen as toca como se fosen tarrañolas, suxeitas contra a palma da man, unha entre os dedos índice e corazón e outra entre o corazón e o anular, e abaneando despois a man, como nun saúdo. As tarrañolas son outro instrumento de percusión que temos tamén no obradoiro -nunha preciosa madeira de granadillo- e que costuma dominar quen domina as culleres, e viceversa.
Fotografía: Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega
Outro xeito de tocar é enfrentado as partes convexas entre si, e colocando unha culler entre o polgar e o dedo índice e a outra entre o índice e o corazón. Suxeitas entre os dedos, fanse bater, e pódense facer redobres ao pasar a punta da culler inferior sobre os dedos estendidos da outra man. Chegar a tocar as culleres con virtuosismo require boa competencia e moitas horas de ensaio en sobremesas e foliadas.
Existe, aínda, un xeito espectacular de tocalas, recollido por Pablo Carpintero na comarca de Ordes que consiste en soster unha culler coa parte cóncava diante da boca, case a tocar nos beizos, e mentres golpear coa outra culler nesta de abaixo a arriba, mentres se pode facer son coa boca, nunha especie de beatbox tradicional, xogando coa cavidade bucal para modular a melodia.
As culleres son o instrumento de percusión ideal para levar sempre enriba, axeitado para calquera festa, sobre todo cando é arredor dunha mesa, aínda que aconsellamos non meter as culleres de tocar, na sopa.
Vídeo: Edu Música Gal
Se desexas botarlle unha ollada ao
noso catálago de instrumentos de percusión:
Fotografía de portada: Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega