A orixe deste instrumento remite a un barco de vela: as carracas foron os maiores buques europeos que navegaron entre os séculos XII e XVI transportando carga en travesías longas.
E que ligazón ten este instrumento con aquelas embarcacións? Pois a palabra vén do árabe hârraqa ou mitraqa, que combina martelo (مطرقة), e método, ou vía (طرق), o que se podería traducir por golpear, neste caso. Ademais, tamén ten un sentido onomatopeico do barullo que facían estes barcos. De feito, o instrumento puido ter chegado até o noso país da man dos pobos árabes.
É un instrumento moi antigo, e como acontece con outros moitos -entre eles a gaita- é difícil dar unha orixe certa única, xa que países tan distantes como a China ou a Indonesia teñen instrumentos moi similares. En moitas culturas, teñen tido un uso similar ao das campás, con uso tanto para rituais relixiosos ou bélicos como para avisos de alarma.
No século XVIII carracas portátiles eran utilizadas por vixiantes para alertar en caso de emerxencias, e na segunda guerra mundial os soldados tamén teñen feito sonar carracas para dar avisos de alarma de gas, xa que eran uns instrumentos pequenos, axeitados para cargar con eles, e con abonda forza sonora como para seren escoitados ao lonxe.

Fotografía: L’ETNO. Museu Valencià d’Etnologia
Tamén no catolicismo se ten empregado este instrumento de sonoridade tan potente, en particular na Semana Santa para representar o loito pola paixón e morte de Xesús. A día de hoxe aínda se conservan carracas nos campanarios de algunhas igrexas como por exemplo, na Catedral de Santiago, onde o instrumento se recuperou no 2010 despois de décadas de inhabilitación, cunha reprodución idéntica á orixinal: 200 kg de madeira de castiñeiro en forma de cruz, con manivela.
A carraca pertence á familia dos idiófonos, e hainas de diferentes tamaños e formas. As máis grandes adoitan ser de manivela, onde a caixa vai pousada e o mango está conectado cunha roda que golpea as linguetas. A carraca de mango -a que temos no noso obradoiro- ten a particularidade de que a caixa rota arredor do mango, que xira nunha roda dentada e así produce o son grave e característico da madeira percutida.
Hoxe, a carraca é un instrumento que aporta vitalidade e riqueza a calquera foliada, con moita intensidade. Pode ser utilizada como un aturuxo, para chamar á festa, estimular a xente e celebrar o barullo.

Fotografía: Consello da Cultura
Se desexas botarlle unha ollada ao
noso catálago de instrumentos de percusión:
Fotografía de portada: @Flickr