No mes de xullo decorre un dos festivais máis importantes e referenciais do folk a nivel mundial e o maior festival celta en canto a número de asistentes de toda a península ibérica, o mítico Festival de Ortigueira.
Este encontro musical naceu no ano 1978, nun momento de transición política no Estado español, que recolleu a ánsia de liberdade e de reivindiciación da cultura tradicional galega despois de case corenta anos de dictadura franquista. O evento saiu adiante nos seus inicios froito do esforzo da Escola de Gaitas de Ortigueira, liderada naquela altura por Xavier Garrote, e co apoio da xente da vila.

Cartel da primeira edición
A partir do ano 2000 o espazo musical amplíase a estilos musicais do folk, non estrictamente celtas, consolidando unha industria cultural de peso, con arredor de 100.000 asistentes nas últimas edicións. As infraestructuras e servizos teñen conseguido adaptarse a este formato de macrofestival, con zona de acampada no piñeiral ao pé da praia de Morouzos, onde se habilitan até 20.000 parcelas, e todos os servizos: duchas e aseos, puntos de información e até aparcamentos vixiados e autobuses gratuítos, para facer confortábel a estancia do público e da veciñanza da vila.
No 2003 o Festival, organizado polo Concello de Ortigueira, recibiu o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional por parte do Ministerio de Economía, e no 2005 foi sinalado como un dos eventos de Interese Turístico Internacional.

Proxecto Runas
No ano 2000, o Festival lanzaba esta plataforma de promoción de grupos nóveis, e foi así como naceu o Runas. Através deste concurso, facilítase un espazo que pretende ser catapulta de novas bandas.
Até a edición do ano 2010 situábase nun escenario menor, pero agora ocupa o mesmo escenario principal. Un escenario principal que se sitúa no porto, e polo que teñen pasado centos de artistas, da talla de Alan Stivell ou os The Chieftains.
Para acederen, as bandas aspirantes, deben contar cun repertorio mínimo de 40 minutos e participaren no concurso seguindo as bases publicadas pola organización. No remate do proceso, os tres grupos finalistas son contratados para actuar no Festival.

Da organización destacan a importancia desta plataforma, que xa deu cabida a máis de duascentas bandas galegas e internacionais dentro da música celta e folk.
A edición deste ano, a máis longa da historia, extendeuse durante sete días, do 10 ao 17 de xuño. E contou cunha extensa programación que inclúe os músicos e bandas máis destacados do panorama galego e internacional. O numeroso público puido desfrutar de actuacións como a de Fred Morrison ou a banda tamén escocesa, Wolfstone, os bretóns Digresk, e un amplo abano de artistas galegas e galegos, desde a Banda de Gaitas de Ortigueira ao mítico Luar na Lubre.
Ademais, para alén dos concertos, no Festival de Ortigueira desenvólvense multitude de actividades, como feira de Artesanía, obradoiros de baile e de instrumentos, desfiles e teatro. Un encontro de culturas que coloca a nosa tradición como anfitriona e referente. A non perder!