A confianza de sermos Artesanía de Galicia

A palabra artesanía recóllese no dicionario como:

(substantivo feminino)
1 Técnica ou arte do artesán, que ten como finalidade a elaboración de produtos dun xeito manual utilizando medios e métodos de produción tradicionais. 

2 por extensión: Conxunto de produtos ou obras elaborados artesanalmente. 

Esta “arte do artesán” é a que conservamos da mellor tradición galega, que Pablo Martínez recolleu como aprendiz de Fernando Forneiro, e desenvolve con máis dunha década de formación e traballo como músico e luthier, adicado a perfeccionar e afondar na técnica e mellora de cada instrumento.

A artesanía, que durante anos se viu como a irmá menos glamurosa da arte, hoxe desenvolve un campo de seu, cada vez máis rico, onde a creatividade e o deseño se asenta no respecto ao mellor legado da tradición, e cuxa reproductividade non vai en detrimento da calidade de ningunha das pezas.

Se algo está ben feito, grazas ao coñecemento colectivo adquirido ao longo de séculos, a súa posta en valor é un síntoma da intelixencia e autoestima dunha comunidade. Con esta intención, a iniciativa da Asociación Galega de Artesáns (AGA) nos anos 90, crease a marca Artesania de Galicia. O modelo foi adoptado pola Xunta de Galicia no ano 2000, converténdose nunha Fundación Pública no ano 2003. 

A Fundación Pública Artesanía de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que depende da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta. Entre os seus cometidos están o desenvolvemento de liñas de investigación destinadas a especializar e perfeccionar técnicas de elaboración que permitan mellorar a calidade dos produtos artesanais e optimizar o proceso produtivo. A finalidade da Fundación, daquela, é dotar o sector artesanal dunha infraestrutura especializada para desenvolver a asistencia, formación, innovación, catalogación, promoción, comercialización e calquera outro aspecto inherente á cultura dos oficios artesanais.

Deste xeito, a marca Artesanía de Galicia, que distingue o noso obradoiro, serve como paraugas común para arrredor de 750 obradoiros de profesionais no noso país. Funciona, ademais, como un selo de prestixio que consolida unha identidade comercial propia e é garantía de calidade.