A Convidada celebrará a súa sexta edición o vindeiro 10 de outubro en Ordes, cunha xornada dedicada á música e ao baile tradicional. Un encontro que aquece o outono e xunta a vizosa comunidade do “tradi” da comarca que abarca os municipios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.
Organizada polo grupo de gaiteiros Embruxo, coa colaboración do Concello de Ordes e o patrocinio da Deputación da Coruña, a iniciativa combinará durante todo o día actividades formativas e foliada, con propostas abertas á participación da veciñanza e das persoas visitantes.
O programa comeza pola mañá con dous obradoiros dedicados á música e ao baile tradicional: o de baile, impartido por Carlos Xosé, ten un custo de 25 euros, e o de pandeireta, a cargo de Xisco Feijoó, tamén ten unha matrícula de 25 euros. A programación complétase cun obradoiro de fabricación de pandeiretas, impartido por Regos Pandeiretas que se dividirá en sesión de mañá e de tarde, que ten un prezo de 70 euros, e finalmente, haberá aínda un obradoiro gratuíto de enredos sonoros conducido por Oli Xiráldez pola tarde.
A parte máis festiva comezará antes do xantar cunha sesión vermú amenizada pola charanga Os Argalleiros, procedente de Sigüeiro. A continuación celebrarase un xantar popular na Alameda de Ordes: O menú, cun prezo de 25 euros, estará composto por empanada, codillo asado con patacas, larpeira, bebida, café e chupito. E a sobremesa xa será o comezo da festa.
Fonte: La voz de Galicia
Ás 19.30 horas, a alameda de Ordes será o punto de encontro dos grupos participantes nos cantos de taberna. Media hora máis tarde, ás 20.00 horas, comezará o percorrido polos bares da localidade, levando a música tradicional a diferentes espazos da vila.
A xornada rematará na alameda a partir das 22.30 horas cunha foliada aberta. A primeira parte contará coas actuacións da charanga Benofán e da Requinta de Lampai, antes de abrir o escenario á participación de quen queira achegarse coa súa música.
Durante a foliada tamén se realizará un sorteo de agasallos achegados por diferentes colaboradores locais, entre eles instrumentos tradicionais e un año. As inscricións para participar nos obradoiros, no xantar popular ou nos cantos de taberna, xa están abertas. Os da casa non han faltar, e os de fóra de Ordes, non habemos perder a oportunidade de achegarnos!