Setembro é tempo de comezos. O regreso ás aulas e ás rutinas tamén abre unha oportunidade perfecta para quen leva tempo coa vontade de se achegar á música tradicional galega, e para moitas persoas que desexan aprender a tocar a gaita, pero ás veces se paralisan por lanzarse a facer o investimento de comprar unha gaita, a mellor hipótese é comezar coa frauta. Un instrumento accesíbel, económico e que, para alén do seu interese e sonoridade en si mesmo, é un excelente alicerce formativo, para dar os primeiros pasos cunha base sólida en instrumentos de vento.
No catálogo de Pablo Martínez Musical atopamos as opcións ideais para iniciar este camiño. Por unha banda, a frauta de plástico trucada, resistente e lixeira, pensada para quen se quere iniciar sen complicacións, e que pode escollerse en catro cores diferentes: amarela, azul, vermella, rosa e verde. Tamén a coñecida frauta doce da casa Hohner, e aínda, a frauta de madeira, cun son máis cálido e auténtico, perfecta para quen busca unha experiencia máis próxima ao mundo artesanal e tradicional. As tres teñen algo en común: reproducen a dixitación da gaita, converténdose nun adestramento práctico e directo óptimo para futuros gaiteiros e gaiteiras.
O primeiro grande beneficio da frauta é a súa accesibilidade. Non require un grande investimento nin un longo período de adaptación. En poucos días é posíbel sacar as primeiras melodías, algo que motiva e fai gozar desde o inicio. Ademais, a súa aprendizaxe permite desenvolver habilidades fundamentais: o control do sopro, a posición dos dedos, a coordinación e incluso a lectura musical. Todas estas competencias serán imprescindíbeis máis adiante cando se dea o salto á gaita ou mesmo á requinta.
Neste sentido, a frauta destaca na dimensión educativa como instrumento de iniciación. A súa sinxeleza facilita que persoas de calquera idade se acheguen á música sen medo nin frustracións, e ao mesmo tempo garante unha progresión natural cara maiores desafíos. É tamén unha opción moi práctica para grupos escolares: ao ser económica e doada de transportar, convértese nun recurso perfecto para iniciar aulas colectivas ou obradoiros de música popular.
Pero a frauta non é só un chanzo previo. Ten tamén vida propia dentro do repertorio tradicional. Moitos intérpretes empregan a frauta para acompañar foliadas e alboradas. A versión de madeira, en particular, ofrece unha calidez que encaixa perfectamente coa estética acústica da nosa música, permitindo que, mesmo sendo aprendiz, se poida experimentar desde o comezo o pracer dun son vivo e vibrante e participar activamente nas festas tradicionais.
En resumo, a frauta trucada é moito máis que un instrumento de transición. É unha ferramenta educativa, un recurso musical válido por si mesmo e unha ponte cara á aprendizaxe da gaita. Neste comezo de curso, pode converterse na mellor compañeira para iniciar unha viaxe musical que che conecte coa tradición. Para dar o primeiro paso só fai falta soprar e deixar a música sair do peito.
Rapaces da Ulla con instrumentos fabricados por eles, o da esquerda toca un pínfano de cana, os outros dous terman do instrumento na man (Agrelo, santa Cruz de Ribadulla, Vedra, A Coruña, c. 1945). Do arquivo do autor.
Fotografía de portada: Cesar Lima (Alcabideque, Portugal) tocando a frauta de cana.