A gaita de barquín

A orixe e evolución do noso instrumento estrela, a gaita, é complexo e difícil de datar. Porén, a súa xenealoxía agasállanos con curiosidades e variantes interesantísimas como é o caso da gaita de barquín, un tipo de gaita de insuflación mecánica en desuso desde hai practicamente un século, na década dos anos 20 do século XX, en que se estandarizou o modelo de gaita padrón actual.

O barquín é un tipo de segundo fol, mecánico, ríxido, feito con duas táboas de madeira, unha delas articulada cunha visagra, que permite presionar e que daí, através dunha peza torneada pola que pasa un conducto de coiro, se desprace o ar e inche o fol da propia gaita. Este elemento é o que dá o nome distintivo a esta tipoloxía de gaita, que aínda ten outras diferenzas, como son dous bordóns -a partir da mesma buxa- que irían apoiarse no ombro do gaiteiro. Algunhas gaitas de barquín tamén tiñan dous punteiros, con diferentes afinacións, e aínda existían algúns cunha chave para mudar de oitava.

A zona onde se conservou a gaita de barquín foi a comarca do Baixo Miño, mais existen tamén referencias a ela no norte, na comarca de Terra de Soneira, na Costa da Morte, cara o interior, nas comarcas da Limia, Baixa Limia e Terra de Trives, e aínda cara o sur, adentrándose na zona norte de Portugal.

Este modelo, así e todo, non foi exclusivo da Galiza, e tería sido ao longo do século XVII cando apareceron este tipo de gaitas en diferentes lugares da Europa. O seu uso teríase extendido non apenas como instrumento solista, mais tamén integrado nas antigas treboadas, agrupacións que na altura xuntaban un par de bombos e un tamboril, canda a gaita. Foi posteriormente, cos cuartetos de gaiteiros e as bandas de música cando se produciu, no primeiro terzo do século pasado, a estandarización das gaitas que estableceu o modelo vixente hoxe. 


Segundo recolle Pablo Carpintero para o Consello da Cultura Galega, tería sido Manuel Pousa Iglesias, natural de Tomiño, o derradeiro gaiteiro galego do que se ten rexistro por utilizar a gaita de barquín; Manuel Pousa, segundo a recollida do propio Pablo Carpintero, era filho, neto, bisneto e probabelmente tataraneto de gaiteiros de barquín, de quen tería herdado as gaitas. E el mesmo recoñecería o abandono do instrumento pola “presión social”. A sona dos gaiteiros de Soutelo de Montes, e o modelo de gaita actual convértese na referencia hexemónica até converterse o barquín nunha interesante reliquia convertida xa en historia.