A Asociación Cultural Cherinkas, activa na dinamización cultural e na recuperación das tradicións na comarca de Terra de Soneira, convoca o próximo 17 e 18 de outubro a décima edición da súa Muiñada. Co apoio do Concello de Vimianzo e da Deputación da Coruña, esta festa pon en valor a memoria ligada ao millo, aos muíños e á música popular.
Se esta edición destaca, non é só polo aniversario e a celebración da primeira década de vida, senón pola intención de abrir máis o espazo festivo: engadir a noite do venres, diversificar os estilos musicais, incluír actividades participativas, promover a ruta teatral e fortalecer a foliada libre para quen queira sumarse.
Fotografía: @muinhada.vimianzo.
A festa comeza o venres 17 de outubro, nunha noite que tradicionalmente non se reservaba para a Muiñada, pero que este ano se incorpora para abrir boca. No Muíño da Agra, a partir das 21:00 h, haberá concertos gratuítos con Paracetafolk —recén recoñecido como Mellor Banda Emerxente nos soados Premios Martín Códax—, xunto coa Benofán Charanga. Ese primeiro serán pecharase coa foliada libre.
O sábado 18 de outubro é o día central. A xornada arrinca con forza coa ruta teatral por Sanfíns, às 10h, un percorrido polos muíños da parroquia de Cambeda que combina natureza, historia e unha interpretación feita por actores para facer do camiño unha experiencia viva.
Fotografía: @muinhada.vimianzo.
Xa ao mediodía, a Sesión Vermú terá lugar no Muíño da Gándara, amenizada pola música vocal e de percusión das Bouba. Para este concerto será necesaria entrada, adquiríbel em woutick.com por 3,67€. Aínda que para quen pense ficar tamén pola noite, o bono completo por reserva online é de 12,60€ (mentres que a entrada só para os concertos da noite é de 11,55€). Ademais, as crianzas —nacidas a partir de 2012— entran de balde.
A partir das 17h da tarde o Muíño da Agra converterase no epicentro das actividades populares e gratuítas: exposición no muíño, xogos do millo, visita teatralizada e obradoiro de baile con Pablo Castro. O tradicional campeonato de debullada do millo comezará ás 18:15, e a foliada arranca ás 19h. Mentres que a cea popular é ás 20h.
Finalmente, para pechar a noite, os concertos encetan a partir das 22:00 h no Palco da Maquía, no Muíño da Agra (con entrada) e o público poderá gozar das bandas: Ringorrango, de Zamora, A Banda das Crechas, de Compostela, e OMIRI, chegada desde Portugal.