A muiñeira

O baile máis referencial e recoñecido da tradición galega é a muiñeira, con diferenza. A orixe xa se desvela no propio nome, coa alusión ao muíño, lugar no que era frecuente bailar e cantar mentres se agardaba pola moenda do gran. Na economía tradicional minifundista de autoconsumo, onde o pan estaba na base alimentaria da poboación, o cultivo do cereal era unha práctica desenvolvida na inmensa maioría das casas. Daquela, a actividade dos muíños era central en todo o país até o comezo do século XX. Tamén era habitual mesturar o lecer e a celebración en moitas actividades agrícolas, facéndoas máis levadeiras, fortalecendo os vínculos comunitarios e favorecendo a axuda mútua. As muiñeiras foron a execución disto: aproveitar un labor para facer unha festa, até que a festa acabou sobrevivindo e ultrapasando o labor de orixe.

Ao falarmos de muiñeira podemos estar a nos referir tanto ao xénero músical como ao baile. A característica do xénero é o seu compás de 6/8, alegre e rápido que adoita interpretarse con pandeiretas e gaita, e poden acompañar tamén outros instrumentos de percusión como o tamboril, o bombo, o pandeiro ou as cunchas.

O baile é colectivo e solto, normalmente executado por máis dunha parella. A estructura musical, composta de copla e volta, reflíctese na danza en xeito de punto e paseo. De forma maioritaria a execución é facendo dúas ringleira coas parellas enfrentadas, en que unha persoa saca o punto, facendo diferentes figuras que o resto do grupo repite, mentres dure a copla. Durante a parte de volta da melodía, o grupo pasea en círculo, xirando as filas sobre o seu centro, ou outras figuras coreográficas sinxelas. Tanto os puntos como os paseos execútanse erguendo os brazos.

Muiñeiras vellas e novas

Como categorías amplas, podemos falar de dous tipos fundamentais de Muiñeira: a vella e a nova. Porén, aínda dentro destas, hai ducias de variantes xeográficas.

A muiñeira vella, máis antiga, tamén coñecida como ribeirana, faise sempre acompañada de canto e pandeiretas. Recoñécese porque acentúa a segunda corchea e a pandeireta tócase co puño, característica pola que tamén se lle chama muiñeira empuñada.  

O baile ten diversas variacións, desde ser apenas un par de parellas, até ser un home a bailar con dúas ou máis mulleres. A principal diferenza coa muiñeira nova é que os homes realizarían os puntos entre eles, sendo particularmente enérxicos, con saltos e en ocasións con castañolas, e marcando o fin con palmadas ou golpes no chan. Porén, as mulleres non seguen os puntos, se non que acompañan facendo movementos moito máis discretos, debuxando unha roda ou un oito, cos brazos máis baixos e o ollar no chan.

Fotografía: La Voz de Galicia.

A muiñeira nova, ou punteada, é en xeral á que nos referimos cando falamos apenas de muiñeira; acentúa máis a primeira corchea e as coreografías son máis sistemáticas, con maior protagonismo das mulleres en relación á muiñeira vella, e con variacións xeográficas. Por exemplo, a carballesa ou redonda, orixinaria do Courel, execútase sempre en roda. A coñecida como golpe, é unha variante de ritmo máis lento na que non se realizan figuras colectivas senón puntos diferentes para cada unha das parellas.

E aínda que practicamente todas as comarcas teñen a súa variedade local, ninguén pode negar que a raíña das muiñeiras é a de Chantada, composta polos irmáns Manuel e Antonio Fernández, da Banda do Ferraias, no 1865. Unha peza que se reinterpreta, emociona e segue a ser un imprescindíbel en calquera romaría.

Fotografía de portada: telemarinas.com.