meniñas, correi a vel-o
qu´é moita gaita a gaitiña
do gaiteiro de Soutelo
En 1924 escribía Castelao na capa do xornal Galicia sobre o virtuoso da gaita, Avelino Cachafeiro: “velahí ven Avelino cos seus irmáns -todos vestidos ó xeito enxebre- tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ó mesmo canciño de San Roque”, e inmortalizábao cun retrato en caricatura para sempre. Até hoxe chega o mito do músico de Terra de Montes.
Avelino Cachafeiro Bugallo, coñecido como O Gaiteiro de Soutelo, naceu en 1899 en Forcarei, nunha familia labrega moi vinculada á música. Na súa casa formaron o grupo Os gaiteiros de Soutelo, en que participaban canda Avelino os seus irmáns Castor e Bautista, o seu pai Fermín e puntualmente unha irmá e a súa tía Andrea.

Fotografía: El español
Os anos 20 do século pasado foron a súa década de esplendor: En 1922 entrou no coro da Sociedade Artística de Pontevedra. En 1924, con 25 anos, foi proclamado o mellor gaiteiro de Galiza no concurso Certamen de gaitas y bailes organizado polas festas do Apóstolo, do que se conserva a referencia ao evento e ao premio recibido na prensa escrita da época:
Los premios fueron adjudicados en esta forma: El primero, 150 pesetas, á Avelino Cachafeiro, de Sotelo de Montes (Pontevedra). El segundo, de 100, á Celestino López, de Santiago, y el tercero, 75, á Pastor (sic)* Cachafeiro, de Sotelo de Montes.
* (O terceiro premiado era outro dos irmáns Cachafeiro, Victor Castor, erroneamente citado no texto).
Os gaiteiros de Soutelo estiveron activos entre 1919 e 1936, percorreron todo o país e ofreceron xiras internacionais, chegando a tocar no Brasil, na Arxentina ou en Uruguai. Grabaron seis discos coa compañía Casa Regal, recollendo algúns dos temas centrais do repertorio tradicional, como a Muiñeira de Chantada, a Alborada de Rosalía de Castro ou a Rianxeira.

Fotografía: El español
En 1928 morre Fermín, o pai, e en 1933, Bautista, un dos irmáns. En 1936 o golpe franquista apáñaos de xira en Barcelona; e aínda pasarían por Madrid para tocar para as tropas republicanas. Despois disto, no contexto de dor polo masacre fascista, deciden voltar -via Portugal- para a casa e acabar co grupo.
Ao longo da súa vida Avelino emprendeu diferentes negocios locais, entre outros unha sala de festas, unha gasolineira e unha funeraria. Mais deixou, aínda, espazo para outra vertente artística, a poesía. No ámbito literario, publica, no ano 1969, un libro de poemas: Voando coas aas da vida, prologado por Ramón Otero Pedrayo e cunha ilustración de capa de Urbano Lugrís.

Fotografía: Roteiros Galegos
Finou en Terra de Montes, no ano 1972. Un lustro despois do seu pasamento Xosé Manuel Rivas Troitiño, publica sobre el o libro: O gaiteiro de Soutelo (1977). A súa música foi recuperada xa no presente século XXI, coa promoción do concello de Forcarei, en 2005, en que a empresa de xestión cultural Ouvirmos editou um libro-disco sobre Os gaiteiros de Soutelo, hoxe esgotado.
Recoñecido e querido, o legado de Avelino e dos demais artistas da súa familia é xa parte do patrimonio inmaterial galego. Porque, como tamén Castelao deixou dito, “a tradición non é a historia. A tradición é a eternidade”.
Fotografía da portada:Wikipedia