O primeiro instrumento humano é o corpo. De aí saen algunhas das percusións iniciais, como as palmas, e tamén, o canto. O canto é a emisión consciente de sons coa voz. A voz é un dos instrumentos primixenios, de vento, xa que a música faise através do aparello fonador, e sendo esta o único instrumento capaz de integrar palabras.
Xorde así un tipo de patrimonio a cabalo entre o musical e o literario: a literatura oral en verso das coplas populares, interpretadas por todo tipo de voces ao longo de xeracións en festas, no susurro a un bebé no berce ou ligada a ritos e a traballos colectivos.
A música é unha manifestación cultural universal presente en todas as sociedades do mundo estreitamente relacionada con outros aspectos da cultura, como as tradicións, as crenzas, a organización económica e mesmo o desenvolvemento tecnolóxico.

Fotografía: http://www.consellodacultura.gal/
Así, através das coplas, mantemos vivo o coñecemento da creatividade, estilo, humor e tamén das actividades que eran cotidianas hai apenas un século, conservadas en moitos casos nas reunións vinculadas a ciclos do traballo, como as fiadas de lá, as esfolladas do millo, ou as moendas de gran. Aínda que tamén se organizaban os encontros por pura diversión, coñecidos con múltiples nomes: seráns, foliadas, ruadas, pandeiradas, etc.
Na actividade de cantar tiñan tradicionalmente un papel protagonista as mulleres, que eran en moitos casos quen desenvolvían o groso desta carga de traballo considerado doméstico, como moer ou fiar, mais con frecuencia tamén se unían os mozos, con vontade de festa, de baile, e de encontros amorosos.
Se queres que cho diga,
cantando cho direi:
cantando tomei amores
cantando os olvidei
[CPPO, I, 53] Liñares (Avión, Ourense)
Daquela, a maioría das coplas, son creadas neste contexto por mulleres, acompañadas por diferentes instrumentos, tendo especial peso a pandeireta, como describe Pablo Carpintero no seu artigo “cantadoras” para o Consello da Cultura Galega:
“As mulleres galegas foron así as responsables por excelencia da maior parte da nosa tradición lírica, que cantaban acompañándose de distintos instrumentos dependendo da zona. Por toda Galicia cunchas e ferriños, por veces improvisados cuns trespés, apoiaron o canto das mulleres, pero foi sen dúbida a pandeireta o instrumento máis frecuente no século XX, acompañada polos pandeiros no sur da provincia de Pontevedra ou polas latas na Limia e Baixa Limia onde tamén as cazolas se tocaban. No norte da provincia de Ourense, latas e tambores tocaban xunto coas pandeiretas. Nas montañas dos Ancares o canto feminino apoiouse neste século en pandeiras, pandeiros e tambores.”

Popularizáronse os grupos de cantadoras, mais ou menos informais, que chegan até hoxe, aínda que as actividades agrícolas de orixe xa non se manteñan. E para alén da función de mocear, os encontros arredor da música teñen unha función antropolóxica ben mais alargada, de novo segundo Pablo Carpintero:
Como ben observou Carmelo Lisón Tolosana, a congregación da xente da aldea para bailar e cantar axuda a establecer, manter e reforzar os lazos deste grupo social. A música cumpre en todas as sociedades humanas esta mesma función de agregación e reforzo da comunidade.
Cantar é, daquela, para alén dun pracer, unha ferramenta útil para o presente e o futuro, xa que o reforzo dos lazos comunitarios, da solidariedade e do apoio mútuo son chaves para a vida en sociedade. E por suposto, sempre, a defensa da alegría, xa que como todo o mundo sabe: as penas cantando/ fanse pequenas/ e van minguando.
Fotografía da portada: http://www.consellodacultura.gal/