A palleta é unha peza fundamental da gaita galega. Sen ela, o punteiro non produce son. É o elemento que permite a vibración do ar e dá lugar ao timbre característico do instrumento.
O termo palleta provén de palla, facendo referencia ao uso orixinal de materiais vexetais como a palla de cereal ou a cana. Nas súas formas máis sinxelas, era elaborada con materiais accesíbeis como gramíneas, xuncos ou canas silvestres. A punta esmagábase para crear unha lingüeta dobre, que vibraba ao soprar.
Co paso do tempo, e coa evolución técnica do instrumento, a palleta tamén mudou. Entre os séculos XIX e XX, os artesáns comezaron a utilizar cana de río, un material máis resistente e previsíbel. Esta mellora supuxo unha maior estabilidade tonal, unha mellor resposta sonora e unha vida útil máis longa.
Fotografía: Consello da Cultura Galega
Historicamente, moitos gaiteiros fabricaban as súas propias palletas, adaptándoas ao seu estilo persoal ou ao tipo de repertorio que interpretaban. En formacións tradicionais, como os cuartetos compostos por dúas gaitas, tambor e bombo, esta práctica permitía lograr unha harmonía natural sen depender de sistemas de afinación externos.
Na actualidade a preocupación pola afinación e a calidade do son segue a facer da palleta unha das pezas clave da gaita.
Fotografía: Germán Ruiz.
O proceso de fabricación dunha palleta
O proceso de fabricación dunha palleta tradicional require coñecemento do material, precisión e práctica. Comeza coa escolla dunha cana de río axeitada: debe estar ben seca, sen fendas nin deformacións, e ter o grosor adecuado para o tipo de son que se busca.
Unha vez seleccionada a cana, procédese a cortala en tiras finas e rectas. Estas tiras líxanse suavemente para eliminar impurezas e preparar a superficie. A continuación, a punta da tira móntase sobre un tubo metálico chamado tudel, que serve como base estrutural. Ao fixar e dobrar a cana sobre este soporte, fórmase a lingüeta dobre —a parte activa da palleta que vibrará ao soprar.
A fase seguinte é a do axuste e afinación. Neste proceso realízanse pequenas modificacións, probando o son e facendo axustes para conseguir a afinación desexada, así como o volume e a sensibilidade adecuados. Esta fase é delicada e determinante, xa que calquera variación mínima pode alterar significativamente o comportamento acústico da palleta.
Unha vez finalizada, a palleta xa se pode inserir no punteiro da gaita, preparada para o seu uso.
As nosas palletas
No noso obradoiro apostamos polas palletas tradicionais de cana, feitas a man con materiais naturais seleccionados para garantir a mellor calidade sonora e afinación. Compramos en exclusiva as palletas ao artesán Enríquez, que consideramos o mellor palleteiro actual debido ás características superiores de timbre, potencia e sonoridade que ofrece.
Aínda que as palletas sintéticas teñen vantaxes como maior estabilidade fronte á humidade e menor mantemento, aínda non están tan perfeccionadas como para igualar as de cana, por iso seguimos confiando na calidez e riqueza sonora de Palletas Enríquez.
Vídeo: AprendeconMónica
Fotografía de portada: Consello da Cultura Galegaa