Quen é o Apalpador?

O Apalpador, tamén coñecido como Apalpabarrigas ou Pandigueiro -segundo as zonas- é a figura mítica da tradición galega ligada ao Nadal. Trátase dun carboeiro das montañas do Courel que visita os nenos e as nenas na noite do 31 de decembro, e apálpalles o ventre para confirmar se comeron abondo durante o ano que está a rematar. Deséxalles un ano de fartura (moitos aseguran que murmura “así esteas todo o ano” a quen ten o estómago satisfeito) e de paso, deixa algún presente, sendo o máis tradicional unha presada de castañas.

A recuperación desta figura é relativamente recente: en 2006 José André Lôpez publicaba no Portal Galego da Língua un artigo sobre el, e no ano seguinte a asociación compostelá A Gentalha do Pichel, comezaba un traballo de divulgación do mítico home das montañas.

En poucos anos a figura popularizouse, até a actualidade.

Fotografía: Turismo de galicia

A recuperación foi posíbel grazas, en boa medida, ás fontes orais, nomeadamente através de cántigas, que aínda conservaban memoria deste personaxe: Houvo informantes que lembraban a visita do Apalpador nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e nos Ancares, entre outras. Ademais, na comarca galegofalante do Bierzo tamén se recolleron testemuños que falan dunha personaxe feminina, a Apalpadoira ou Apalpadora.

Segundo algunhas interpretacións etnográficas, esta figura ligada ao Nadal podería ter reminiscencias dunha práctica realizada polos arúspices lusitanos, que tiñan ritos en que examinaban o ventre da xente para predicir o futuro, segundo narra que acontecía na zona xeográfica aproximada correspondente á atual Galiza, o historiador grego Estrabón.

Como curiosidade, na vila andaluza de Écija, existe unha figura natalicia moi similar, o Tientapanzas, que foi recentemente recuperado pola veciñanza e podería ter orixe galega, por ser unha zona de repoboación galega nos séculos VIII e XV, durante as guerras de expulsión da poboación árabe.

Cantigas populares

Existen diferentes cantigas populares arredor desta personaxe, como esta recollida por José André Lôpez en Romeor do Courel en 1994, da informante Amadora de Galego:

Vaite logo meu ninín / miña neniña,

marcha agora pra a camiña,

que vai vir o Apalpador

a apalparche a barriguiña.

 

Mañá é día de cachela

que haberá gran nevarada

e vai vir o Apalpador

cunha mega de castañas.

 

Por aquela cemba

xa ven relumbrando

o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo.