A regueifa é un molete de pan ou rosca adornada con azucre, caramelo, ovo, etc., que tradicionalmente se disputaba entre as persoas convidadas a un casamento mediante un desafío dialéctico improvisado e en verso.

O  mesmo nome úsase tamén para designar o propio desafio, de feito, a día de hoxe é máis fácil que se fale da improvisación cantada antes que do bolo de pan polo que se tería orixinado. 

Improvisar cantando é unha práctica común a moitas culturas, destacando a nivel peninsular o bertsolarismo no país basco, pola súa vitalidade. A improvisación en verso chega até as músicas contemporáneas, como acontece nas coñecidas batallas de galos do rap. Aínda, é moi posible que moitos tipos de cantigas populares (cantos de reis, coplas de entroido, maios…), se teñan orixinado a partir da improvisación.

Responder a un envite de repente cunha resposta rimada en décimas de segundo é unha capacidade artística e musical que tradicionalmente se consideraba un “don”; mais a ser prestidixitador da lingua tamén se aprende. 

Moitos trazos son valorados para unha boa regueifa, tendo especial protagonismo o humor e o enxeño, que favorecen o entretemento do público. Os versos constrúense en cuartetas de oito sílabas de rima asonante ou consonante, cunha distribución 8- 8a 8- 8a, ou abab. E o recitado acontece a capela, é dicir, sen acompañamento musical de ningún tipo nin pausas entre os versos. O libro Repente Galego de Ramón Pinheiro Almuínha, afonda amplamente nas particularidades da oralidade e da improvisación musical de raíz galega.

Fotografía: https://www.regueifa.org/

A confrontación realízase normalmente por parellas sen que interveña no enfrontamento dialéctico ningunha outra persoa, aínda que é relativamente habitual que cando hai varias persoas a regueifaren, ao final participen todas nunha roda na que cada quen fai a súa copla. 

 

O da regueifa é un espectáculo que ten sido de máximo interese en moitas festas, destacando a viveza con que se conservou na comarca de Bergantiños, con recoñecidos artistas como Suso de Xornes, Guillerme da Rabadeira ou Lupe Blanco.

A nivel do seu impacto social, a asociación ORAL, ten feito un importantísimo labor de arquivo, estudo e dinamización. E nos últimos anos, ten habido unha revitalización desta práctica con proxectos como a materia escolar de libre escolla Regueifa e improvisación oral, que ofrecen algúns institutos, ou o festival Regueifesta.

Brindo ou loia

Existen distintas modalidades de improvisación con pequenas variantes, como enchoiada, desafío, parrafeo… E, na zona montañosa do Courel e dos Ancares a denominada “brindo ou loia”.

Esta diferénciase da regueifa en pequenos matices, como, por exemplo, a utilización dun tipo de linguaxe máis lírica. Historicamente practicouse en vodas, outras festas ou en xornadas de traballo agrícola comunitario. A temática podía ser a louvanza do acontecemento ou das persoas protagonistas, aínda que tamén se podía desenvolver a modo de desafío entre brindadores.

Na actualidade coñécense moi poucas persoas practicantes, sendo un dos máis célebres de todos os tempos, o falecido “Ribeira de Louzarela”, cantador natural de Pedrafita do Cebreiro.

Fotografía de portada: Repente Galego