A Zambomba é un instrumento membranófono que se fai vibrar mediante fricción, en lugar de percutido. Daquela, en lugar de usarse a man ou unha baqueta, ten un pauciño que se frega, que comunica co parche do tambor.
No noso país non son frecuentes os tambores refregados, de feito a palabra zambomba non é recollida nos dicionarios de galego até a década de 1980. Porén, si existe algunha pegada deste instrumento, como a recollida por Dorothé Schubarth en Pedrafita do Cebreiro:
Compañeiro sei tocar/dime lo que sabes tocar/sei toca-lo zambombeiro/toca logo o zambombeiro/zambombón io zambombeiro/rancataplán io tamborileiro/níruni niru i a gaita gallega
Fotografía: Consello da Cultura Galega
Curt Sachs, autor de Historia Universal de los Instrumentos Musicales (1947) sinala este tipo de tambores refregados como instrumento característico de iniciación na mocidade en diferentes culturas, que podería referir simbólicamente ao acto sexual. Así, existiría relación entre certos ritos de fertilidade e este tipo de tambores en diferentes partes do continente europeo e tamén do africano.
Aínda, o gaiteiro e investigador Pablo Carpintero obtivo referencias sobre zambombas nos concellos de Ordes, O Pino, Vilagarcía e na comarca galegófona de Sanabria, que na actualidade fica administrativamente na provincia de Zamora. Segundo estas pesquisas, as fontes consultadas por Carpintero describían as zambombas como instrumentos feitos na época de Nadal, fabricadas con latas ou cántaros de barro e usando para o parche pel de porco, recurso que sería habitual neste tempo de matanzas na sociedade tradicional.
Fotografía: Consello da Cultura Galega
Antes de colocar a membrana de pel sobre a caixa, poñíase un cordel, unha cana dos foguetes ou até unha palla de centeo, que ao tensar a membrana quedaba perpendicular e era o elemento friccionador. O xeito de tocar era fregando os dedos índice e polgar, previamente untados con allo, para mellorar a aderencia.
As zambombas eran elaboradas e tocadas tradicionalmente por mozos, sendo a súa consideración social de pouca importancia, sendo vistos máis como “xoguetes” que como instrumentos musicais, que poucas veces duraban dun ano para outro.
Na nosa tradición, as celebracións cristiáns do Nadal, que coinciden co solticio pagán, sería a altura en que a xente nova tocaba as zambombas para acompañar os cantos desta época, como os cantos de Reis, dos que xa falamos aquí.