O autor de Valdeorras, merecedor da homenaxe deste 17 de maio é Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). O historiador -e fillo dun primo do autor- Ricardo Gurriarán, descríbeo como:
Este poeta moderno, bailón, «musiqueiro», cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro… e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal.
Nacido no seo dunha familia abastada, de cinco irmáns e escudo na casa, Florencio aprendeu inglés e francés de cativo, e viviu varias mudanzas sendo neno, por mor do traballo como perito agrónomo do pai: Ourense, Palencia e Valladolid, onde comezou a estudar dereito.

Con 25 anos regresa a Valdeorras, onde traballa nun bufete do Barco e fai parte da vida asociativa da zona, participando en actividades culturais, na organización de festas… E comeza a crear a súa obra poética, publicando en xornais e revistas.
Nesa altura é un dos impulsores da constitución da Irmandade Galeguista Valdeorresa, que chegou a xuntar máis de sesenta activistas na comarca. Afíliase ao Partido Galeguista, onde coñece os principais intelectuais da época, como Castelao ou Alexandre Bóveda.
En 1934 publica o seu poemario Bebedeira, editado por Nós, unha oda a Valdeorras que tivo boa acollida pola crítica, sendo comentado por Carvalho Calero, Otero Pedrayo e Antón Vilar Ponte, entre outros.

Co golpe franquista do 36 tivo que fuxir: cruzou a raia con Portugal, chegou ao Porto e foi como polisón nun barco noruegués até Bordeos. De alí marchou para París, e dous anos máis tarde voltou entrar no Estado, até Barcelona, para alistarse no exército republicano e loitar contra o golpe reaccionario. Nesa altura publica poemas de combate en Nueva Galicia e fai parte das organizacións Solidaridad Gallega Antifascista e Frente Popular Antifascista Gallego.
En 1939, a inminente derrota fai que marche, canda miles de persoas, para o exilio. Chega a México onde lle conceden a nacionalidade mexicana e traballa en diversos labores. Alí casou, tivo cinco fillos e mantivo o seu compromiso e militancia, participando do Ateneo de Galicia, o Fogar Galego e a Irmandade Galeguista. Florencio foi unha figura integradora no exilio, e falou en favor da unidade lingüística galego-portuguesa.
En 1943 participa na obra colectiva Cancioneiro de loita galega en México, editado polo Partido Galeguista no exilio, en homenaxe aos asasinados polo franquismo.

Do seu contributo na prensa galega en México destaca a súa participación como promotor e redactor da revista Saudade. Verbas galegas das Américas que tivo dúas etapas, unha do ano 1942 ao 45 e outra do 52 ao 53. E tamén en Saudade. Vieiros, do 1959 ao 1968.
Como traductor participou na obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires: Editorial Alborada, 1949), obra premiada pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires.
En 1963 sae do prelo Galicia infinda, xa na editorial Galaxia, de Vigo, despois de que o franquismo pechase a causa política contra el en 1959.
Tras trinta e dous anos de exilio, voltou a Valdeorras en 1968. E aínda regresou en dúas viaxes máis: no 1976 e no 1981.

Nesta última década da súa vida, publicou Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986), co patrocinio de Isaac Diaz Castro, en Ediciós do Castro.
Faleceu en 1987 en Fair Oaks (California) onde estaba xunto a súa muller Celia, visitando as fillas -que aínda hoxe residen nos Estados Unidos- aos 84 anos.
A Real Academia Galega tomou a decisión de escoller a Florencio como o homenaxeado baseándose en catro chaves fundamentais: a súa obra poética, con catro libros e diferentes rexistros; a firmeza dos seus valores democráticos e a defensa e arraigo coa comarca de Valdeorras, e en xeral coa cultura, tradicións e patrimonio histórico galego, nomeadamente a língua, idioma de toda a súa obra.

Fotografía: Infolibre
Fonte: Real Academia Galega. Imaxe cortesía de Ricardo Gurriarán.