Xa comezan a florear as xestas polos montes, a primavera está aquí e unha das mellores festas da estación está a chegar! Beltaine é como se coñece nos países celtas a celebración de benvida das estacións cálidas, común a moitas culturas. A orixe ancestral e o carácter pagano deste rito do mes de maio relaciónase coa fertilidade da natureza e co comezo do ano agrícola.
Eis a festa dos Maios: a concreción da Beltaine no noso país, común en moitos países de Europa, que ten un forte arraigo e sobrevive até a actualidade.
A figura totémica central desta festa leva o mesmo nome: Os maios son unhas esculturas arredor das que se ritualiza o novo ciclo: crease unha estructura con paos ou táboas, en xeral cónica ou piramidal, procurando formas arbóreas.
Os maios poden ter distintos tamaños e sempre se engalanan con elementos da vexetación: flores, fentos, follas, fiunchos, bugallos, e até froitas ou mesmo ovos, un elemento representativo tamén da Páscoa, símbolo do comezo dun novo ciclo.

Fotografía: Galician Garden
De forma habitual colócanse sobre padiolas que permiten o seu transporte en procesión. Aínda que hai lugares onde se estabelece de forma fixa, e se coñece como “árbore dos maios”: é colocada na praza principal do lugar e adornada con faroliños, típico na zona de Laza ou Entrimo.
Aínda que o común é a forma de árbore, tamén pode haber maios con outras formas como pontes, hórreos, cruceiros, casas, animais, embarcacións -en particular en vilas costeiras- e até figuras humanas.
Os maios humanos son unha tipoloxía especial, en que é unha persoa a que se recobre por completo cunha estructura de pólas, follas e flores. Este formato aínda se conserva nas vilas de Portomarín, Viveiro ou Vilafranca do Bierzo.

Fotografía: Flickr_Susocouceiro
Cantar os maios
Ao redor destas figuras cántanse coplas populares, igualmente denominadas “maios”. Estas coplas, que se cantan -en xeral- como diálogos, poden acompañarse de percusión -ás veces apenas dous paus- e interprétanse mentres se camiña arredor da escultura.
Hai dous tipos de cantigas tradicionais nos maios, unhas composicións fixas, específicas para esta celebración, que se conservan nas vilas de Portomarín e Lourenzá, e outro tipo de composicións, moito mais frecuentes, que se escriben para a ocasión, e se imprimen e distribúen entre as persoas asistentes, en xeral con sátiras sobre a actualidade.
Tradicionalmente era habitual aproveitar o canto para pedir un aguinaldo aos asistentes, como acontece nos cantos de Reis, e o pago, na maioría dos casos consistía en froitos secos como noces, abelás ou castañas secas.
En moitos lugares consérvase aínda o costume de facer competicións, para escoller tanto entre as esculturas como entre as mellores cantigas.

Fotografía: Pío García
Ramos de xestas
Outra práctica estendida é a de colocar ramos de xestas a modo de elemento de protección, que segundo manda o rito, deben ser apañadas coa última luz do último día de abril, e que se colocan nos lugares que se queren protexer: son habituais nas portas das casas, e tamén en vehículos.

Fotografía: Horta Biológica
Fotografía de portada: Flickr_Juantiagues