Os magostos son as festas por excelencia do outono, organízanse entre a segunda quincena de outubro e a segunda quincena de novembro, e coinciden arredor do rito do Samaín (do que xa falamos neste blogue) e das matanzas do porco por volta do San Martiño.
Esta é unha tradición fondamente arraigada no noso país, que se estende tamén cara Asturies, León e Portugal. Adoita acontecer nun souto, nunha eira ou nunha praza, arredor dunha -ou varias fogueiras- e coas castañas como alimento estrela. Xunto coas castañas, que están no tempo, tamén se proba o primeiro viño da temporada.
Sobre a etimoloxía da palabra non hai consenso, algunhas fontes falan da orixe latina magnus ustus ‘gran fogueira’; porén sobre magnus, non hai acordo sobre se se refire a ‘magno, grande’, ou ben a ‘mago, maxia’. Aínda, habería a posibilidade de ter orixe no celta Magon– e glustu– ‘gran luz’ ou Magon– e ouxto– ‘gran frío ‘. Outra posibilidade é a relación da palabra magosto co verbo “agostar”, que sería secar, facer perder a humidade; o que fai o lume coas castañas.
Fotografía: Pixabay
A palabra magosto designa tamén a propia fogueira na que se asan as castañas ou o conxunto de castañas que se asan e comen durante a festa. Deste termo derivan o verbo magostar, co significado de asar castañas para comelas en grupo; e magosteiro/a, cada unha das persoas participantes.
Felipe Senén López Gómez, autor de O tempo de Magostos e Defuntos (1996) fai referencia ao “mago do lume”, un grande espantallo que presidía a festa e finalmente se queimaba na fogueira, adornado de guirlandas cheas de castañas.
Fotografía: castroalba.es
Como en todas as festas apegadas á tradición pagá e aos ritos de mudanza de estación, o magosto tamén ten as súas prácticas superticiosas asociadas, vinculadas con unha certa sacralización do lume: non se debe tirar lixo a arder, non se pode cuspir no lume nin se pode apagar con auga, hai que deixar as brasas apagárense soas, xa que o lume daría calor ás ánimas -e coa proximidade da celebración de defuntos-, é ben tamén deixar quedar algunha castaña para elas entre as brasas.
Contodo, as referencias á morte non desaniman a ninguén, polo contrario, entre a fartura e a festa, é frecuente a rapazada pintar a cara coa ferruxa das brasas, cantar, tocar e bailar para tornar o frío.
Xa o di a cantiga: Acabáronse as vendimas/ e veñen as esfolladas,/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas.
…