A maioría dos instrumentos teñen un carácter evolutivo e mesmo común a culturas diferentes, así é que, para alén dos relatos mitificadores, resulta moi difícil datar orixes tanto no cronolóxico como no xeográfico, xa que a documentación é vaga e imprecisa. Da gaita atopamos referencias, con diversas variacións no instrumento, de antes da nosa era e distribuídos por territorios afastados, da Europa atlántica até o norte da India.
Malia a relación coa mitoloxía sobre a orixe común dos chamados países celtas (Irlanda, Escocia, Bretaña, Gales, Cornualles, Illa de Man e Galicia), hai tamén referencias atopadas en latitudes e épocas ben afastadas, como gravados e deseños antigos que nos levan a identificar a gaita, ou un instrumento de vento similar -combinación de frauta con depósito de aire- nos pobos da antiga Mesopotamia, Exipto, a India ou a Grecia e Roma clásicas. Representa así este instrumento unha conexión musical para moitas civilizacións, sendo o común a súa orixe popular, moitas veces ligada á tradición do pastoreo, dada a elaboración dos foles con coiro de gando de rabaño.


Gaitas antes da nosa Era
A referencia escrita máis antiga que coñecemos é do dramaturgo grego Aristófanes (447-385), quen cita “gaiteiros vindos de Tebas” na súa comedia Os Arcaianos. Varios séculos despois, o historiador romano Suetonio sinala que o emperador romano Nerón toca a gaita, no primeiro século da nosa era. Esta referencia refórzaa o poeta Dión Crisóstomo, que tamén refire que o gobernante da época tocaba a gaita; e nesa altura chegou a haber unha moeda romana cunha gaita grabada, segundo recolle o Grove Dictionary of Music and Musicians.
Tentando achegarnos á nosa área no mapa, o investigador etno-musicólogo Pablo Carpintero recolle para o Consello da Cultura Galega, referencias que poderían situar a orixe da gaita tamén en Galicia en anos anteriores á nosa Era:
Xa vimos como Estrabón na súa Xeografía (c. 29 a.C.-7 d.C.) menciona que os habitantes do noroeste tocaban o aulòs e sabemos tamén que xa no século II a.C. os habitantes da península coñecían o procedemento para fabricar depósitos flexibles que contivesen aire. Tito Livio describe como as tropas celtiberas e lusitanas no inverno do 218-217 a.C. empregan foles cheos de aire para atravesar os ríos. Polo tanto, en Galicia e contra o cambio de era, xa tiñamos dispoñibles os dous elementos para facer unha gaita de fol. Non sabemos se foi así ou non, pois a historia deste instrumento en Galicia segue a ser escura (…)
Para termos probas evidentes da existencia segura de gaitas no noso país, cómpre agardar até o século XIII, cando foi labrado o capitel de Melide, no que se apreza un gaiteiro, cun instrumento claro con roncón e punteiro, que hoxe se conserva no Museo de Pontevedra.
Tamén no século XIII aparecen ilustracións nas Cantigas de Santa María do rei Afonso X “O Sabio” en que podemos identificar gaitas.
Concluímos así que as primeiras representacións europeas da gaita remontan á Idade Media.

Nesta altura, a súa difusión puido estar ligada coas peregrinaxes do camiño de Santiago, e hai relatos que falan de Compostela ter sido un centro gaiteiro europeo nesa altura, aínda que esta é unha hipótese difícil de cuantificar.
O que si sabemos con certeza é que o primeiro gaiteiro do que existe documentación escrita foi o ourensán Gomes Mouro, de quen consta que foi contratado polo concello de Ourense en decembro de 1458 para amenizar diversos actos, como recolleu Francisco Xavier Paz Garça no número 2 da revista Raigame.
A popularidade e difusión do uso da gaita tivo diferentes intensidades segundo a época e a súa introdución en diversos ámbitos sociais. É referencial na nosa cultura o seu uso en festas e celebracións civís, mais tamén se ten usado en rituais relixiosos -disque foi habitualmente utilizada en lugar do órgao litúrxico polos monxes benedictinos nas iglexas rurais-. Tamén ten cumprido o seu papel en eventos militares, en particular na tradición escocesa, sendo popular a historia do rei de Escocia Robert the Bruce, que foi á batalla de Bannockburn no 1314 acompañada por gaiteiros, o que daba azos e valor aos soldados.


Gaitas no mundo enteiro
Ao espallamento mundial da gaita galega contribuíu de forma decisiva a emigración, en particular nos séculos XIX e XX, xa que foi un movemento masivo que implicou a saída de milleiros de galegas e galegos polo mundo, xente que levou consigo o son brillante do instrumento mais central da nosa tradición musical.
Ademais, nas últimas décadas, a súa consolidación como instrumento fortaleceuse co recoñecemento dentro dos estudos superiores musicais, e a experimentación e perfeccionamento tanto na música tradicional como en propostas experimentais e de mestizaxe.
E por suposto, unha cultura popular sólida, alimentada cos aturuxos de miles de afeccionados, con bailadores e bailadoras, instrumentistas e ducias de agrupacións folclóricas fan que este sexa un instrumento xove á par que milenario.
Longa vida á gaita galega!