O papel da gaita foi central para a ambientación musical no noso país e remóntase aos tempos do imperio romano. Foi referencia indiscutíbel até o século XIX, e aínda hoxe é importante. O seu labor era fundamental en danzas e celebracións diversas, dos Reis no Nadal -en que os coros cantaban ao son da gaita, sen máis acompañamento- aos magostos, entroidos, procesións e até misas. A participación da gaita nas celebracións relixiosas católicas estivo presente até mediados do século XX nas comarcas máis orientais.
O gaiteiro puido tocar só durante séculos, excepto em ocasións puntuais en que fose acompañado de algunha percusión e máis recentemente de outros ventos. En que momento se comezan a organizar agrupacións musicais ao redor do gaiteiro? Non foi até aproximadamente o século XVIII cando a gaita comeza a acompañarse co tamboril, e a partir de mediados do XIX, incorpórase o bombo, formándose daquela o mítico trío de gaita, tamboril e bombo.

Sobre a documentación de bandas populares, Pablo Carpintero ten estudado e publicado no Consello da Cultura Galega referencias da documentación escrita existente (o cal non quere dicir que non existisen agrupacións previamente das que non conservemos rexistro) e neste sentido, sinala “a banda de Merza pretendidamente fundada no 1828; segundo o especialista Luis F. Guitián” aínda que “a primeira banda de música da que se ten novas documentais seguras é “La Lira” de Ribadavia (Ourense), que foi fundada no 1840. Pouco despois, no 1850, aparece xa a banda de Celanova (Ourense) e partir dese momento o número destas agrupacións medra sen cesar ata que a partir dos anos 1960 comezan a ser paulatinamente desprazadas polas orquestras.”

Estaríamos a falar, daquela, dum século de esplendor das bandas: Durante esta etapa foron incorporándose paulatinamente novos instrumentos arredor da gaita, como son os pratiños, o requinto, o clarinete, tuba, trompeta ou trombón. E o tamaño da banda era un criterio para medir a calidade dunha celebración. Con estas incorporacións podemos falar xa de conxuntos musiciais novos, como cuartetos de gaita, clarinete, caixa e bombo, murgas ou charangas, popularizadas a comezos do século XX. Seguindo cos estudos de Pablo Carpintero:
A principios do século XX nace outro conxunto musical no que aparecen agora varios gaiteiros, normalmente dous ou tres, que interpretan as melodías a voces, usualmente por terceiras paralelas, acompañados polo tambor e o bombo. Un dos primeiros grupos deste estilo documéntase en Mondoñedo contra 1907. Os Pachecos (Mondoñedo, Lugo) estaban formados por Enrique Díaz e Augusto Ínsua (gaitas de fol), José Cendán (caixa) e Leopoldo Tapia (bombo). Enrique, ademais de gaiteiro, foi cantor e violín primeiro da orquestra da capela da Catedral de Mondoñedo e por tanto é posible que aplicase os seus coñecementos musicais á gaita de fol e concibise o tocar por terceiras paralelas. Non entanto, a agrupación que popularizou por toda Galicia este tipo de conxuntos foron os Gaiteiros de Soutelo de Montes (Pontevedra).
Estas mestizaxes, que combinan a gaita de fol tradicional coa nova moda, supoñen unha actualización do potencial sonoro do noso instrumento máis representativo. Mais as propostas musicais inovadoras, porén, non estiveron exentas de polémica, e houvo acaloradas discusións nos xornais da época, por non se consideraren pertencentes á nosa tradición. Aínda así, proliferaron igualmente por toda a xeografía galega, sobretodo entre os anos 1920 e 1960.
Bandas de gaitas
As bandas de gaitas nacen a finais do século XX, cun novo repunte do recoñecemento da gaita, que se concreta na implantación de escolas em cidades e vilas, ampliando exponencialmente o número de persoas que saben tocar o instrumento. Sobre este fenómeno Pablo Carpintero destaca que “Algunhas delas asimilan modelos baseados na tradición de bandas de gaitas escocesas, cunha estética que acaba por estenderse a outras partes de Galicia, norte de Portugal e mesmo León e Asturias.”
Tamén salienta Carpintero, do último terzo do século XX, a integración da gaita en diversos grupos musicais, ampliando o rexistro posíbel do instrumento, da música clásica ao rock. Podemos falar hoxe, daquela, dun instrumento tradicional e ecléctico, que funciona ben só, mais que tamén sabe de facer música acompañado.

Fotografías: Consello da Cultura