Dentro dos nosos instrumentos tradicionais, as tarrañolas son un deses básicos, pertencentes ao grupo dos idiófonos de golpe directo, que non poden emitir unha melodía, mais que, nunhas mans con habilidade e boa técnica, conseguen dar a base para armar unha festa.
As tarrañolas, tamén son coñecidas como tarreñas ou trécolas, consisten en dúas taboas rectangulares, alongadas e finas (de entre 12-20 cm de longo, 3-5 cm ao acho e 4-8 mm de grosor), fabricadas de madeira dura. As nosas son de granadillo, que destaca pola densidade, durabilidade e dureza. E proporciona ademais unha riqueza de timbre moi característica, aínda que tradicionalmente se teñen feito tarrañolas de moitos materiais; da madeira de buxo á lousa, tella ou incluso costelas de vaca ou de cabalo.
As tarrañolas tócanse batendo unha parella de pezas que se suxeitan entre os dedos e pódense tocar apenas nunha man ou nas dúas mans a un tempo, aínda que este último estilo, ás dúas mans, é cada vez menos frecuente.
Hai que soster unha das pezas entre o dedo índice e o dedo corazón, apertándoa contra a palma da man para que permaneza inmóbil, mentres que a outra peza é sostida entre o dedo anular e o dedo corazón, esta segunda peza, fica, deste xeito, libre para se mover e bater na outra cando se abanea.
O seu uso aparece amplamente documentado como instrumento musical desde antigo, na tradicional galega, portuguesa e peninsular en xeral, máis non só: tamén aparecen referencias a este intrumento nas culturas mediterráneas como o antigo Exipto e a antiga Grecia, chegando a outras latitudes aínda máis afastadas, como a India.
En relación ao noso contexto, por exemplo, no século XIII, nas Cantigas de Santa María, as tarrañolas aparecen acompañando un xograr que está a tocar un óboe. E no século XVIII, o Padre Martín Sarmiento na súa Colección de voces y frases de la lengua gallega (1746-47), desenvolve, falando das tarrañolas:
«Pasó adelante la invención de los muchachos. Pensaron meter entre los dedos unas tejuelas o cascotes de platos de Talavera, y agitándolas lograron tener otro nuevo instrumento músico crústico, y aludiendo a terráceo o terreno se le dio el nombre de terreñuelas o tarrañuelas. Siendo yo muy muchacho vi que otro muchacho inglés, que vivía en Pontevedra, hacía lo mismo con dos costillas de carnero o de vaca metidas entre los dedos»