Áurea de Cartelle, gaiteira!

María Áurea Rodríguez Rodríguez é a primeira muller documentada como gaiteira, no final do século XIX. 

De orixe labrega, Áurea nace en novembro de 1897 en Muntián, no concello de Cartelle, en Terras de Celanova.

Sabemos dela grazas á investigación de Milagros Bará Viñas, quen fixo pesquisas e documentou a biografia de Aurea, publicada no Consello da Cultura Galega en 2014. Neste traballo identificou até dúas xeracións atrás na familia de Áurea en Cartelle: os seus avós maternos e paternos, que xa eran dese concello. O seu pai, José Rodríguez, e a súa nai, Hermelinda Rodríguez, tiveron seis crianzas, da que Áurea foi a primoxénita, e á que se suman os seus irmáns Castor, Felisindo, Manuel, Eliseo José e Benigno.

Áurea comezaría a tocar a gaita aos 10 anos, arredor de 1907. Tería sido tras o falecemento dos pais arredor de 1910, sendo ela unha adolescente, cando cos seus irmáns, comezarían a traballar tocando nas romerías, como un medio de subsistencia. Nesa altura forman o conxunto Os Maravillas, que malia o “resultón” do nome para un grupo musical, tería a súa orixe non -ou non só- no fantástico das interpretacións, mais no nome de outra parroquia de Cartelle, As Marabillas, a carón de Muntián, onde se encontra o santuario da Nosa Señora das Marabillas, coñecida pola súa romaría. 

Os Maravillas comezou con dúas gaitas, requinto, tambor e bombo, e Áurea, ademais de gaiteira era tamén a mánager. De 1920 data un anuncio que o grupo publicaría para anunciar os seus servizos no xornal La Región.

A hemeroteca da altura dá conta da referencialidade da banda, que chegaría a ter sona por todo o país na década dos anos 20 do século pasado. No xornal La Integridad, con data 15 de xuño de 1921, con motivo das festas do Carme, publicaba: “A las diez de la mañana harán su entrada en el parque del Establecimiento, que estará engalanado con profusión de banderas y gallardetes, los célebres artistas ‘Los Maravillas’ de Montián que dirige la enxebre gaitera Srta. Áurea Rodríguez (…)”.

En agosto de 1922, o Diario de Vigo anunciaba a súa actuación en Ponte Caldelas: “Para los días 26, 27 y 28 tienen ya contratada (…) y los populares Maravillas, que con tanto acierto dirige la señorita Áurea Rodríguez”. Aínda, no mesmo diario, recollen tamén a participación de Os Maravillas nas sonadas festas pontevedresas da Peregrina: “Por la comisión de festejos municipal han sido contratados los célebres gaiteiros ‘Los Maravillas’ de Espino (Celanova) que dirige la inteligente y simpática Srta. Áurea Rodríguez. Darán conciertos los días 12, 13 y 14 del corriente. De Pontevedra saldrán para las fiestas de Lugo”. En relación coas mesmas festas, tamén en 1922, o Diario de Pontevedra recolle: “Es la primera vez que vemos una moza -guapa y garrida por cierto- que toca el enxebre instrumento”.

No final da década a súa sona lévaa a traspasar as fronteiras galegas, chegando a  Arxentina no outono de 1929, onde Áurea é coñecida como “La reina de la gaita Gallega”. No xornal galego de Buenos Aires, El Correo de Galicia nese mesmo ano de 1929 describen así o grupo: “Os maravillas son cuatro hermanos -tres muchachos y una muchacha- que con dos gaitas bombo y tamboril han recorrido romerías y fiestas de toda Galicia portadores de la pura tradición nativa. (…) Además dos de los muchachos cantan maravillosos alalás y ‘pispuntean’ la tradicional muiñeira con sus múltiples aspectos y matices de montaña, valle y orilla de mar”.

Na década seguinte, nos anos trinta, Os Maravillas desfaise, fontes orais relatan que Eliseo entra no exército e marcha vivir para a Coruña. Áurea, con Castor e  Benigno forman un novo grupo, Os Menores, e emigran para a Arxentina. É neste continente onde se lle perde a pista. A última nova sobre Áurea é dunha actuación que tivo lugar en Venezuela en 1945, non se sabe, daquela o ano nin causa da morte. Será porque as grandes artistas non morren nunca? Longa vida a Áurea Rodriguez, gaiteira!