Cantos de berce

Os cantos de berce, tamén coñecidos como arrolos ou anainas son melodías que forman parte do cancioneiro tradicional galego, xunto con alalás, regueifas ou cantos de labor, e enriquecen a cultura sonora e a literatura oral do noso país.  

Nunha perspectiva máis ampla, os cantos de berce son un fenómeno practicamente universal: todas as culturas coñecidas desenvolveron formas musicais para acompañar o sono dos nenos e nenas máis pequenas. Con todo, cada tradición imprime características propias. Nos chamados países celtas, son abundantes as pezas de melodías suaves e repetitivas, moitas veces baseadas en modos antigos ou escalas pentatónicas, cun ton frecuentemente saudoso e unha forte conexión coa natureza. No norte de Portugal encontramos tamén arrolos moi próximos aos galegos tanto na métrica como no contido das letras, que adoitan mencionar tarefas agrícolas ou escenas domésticas. Pola contra, noutras zonas da Península Ibérica, como Andalucía ou Castela, as nanas incorporan elementos máis rítmicos ou melódicos propios do repertorio popular local, ás veces con maior dramatismo nas letras —onde aparecen figuras asustadoras como o “coco” ou outros personaxes que serven para advertir ou disciplinar a crianza. Mesmo fóra de Europa atopamos paralelismos interesantes: moitos arrolos mediterráneos do norte de África e sudoeste da Asia utilizan tamén repeticións hipnóticas e melodías descendentes, recursos que a psicoloxía da música relaciona co efecto calmante da voz humana.

Cantados polas pessoas que coidan de bebés, xeralmente mulleres -dada a feminización tradicional dos coidados- e case sempre sen acompañamento instrumental, estas cancións foron transmitidas de avoas a nais no ritual de afecto que o canto de berce representa. Así, os cantos de berce galegos forman parte dun patrimonio humano compartido, conservando unha personalidade propia ligada á lingua e á forma de vida tradicional no noso contexto, case sempre rural:

O meniño está no berce,
quen lle ven a dar as papas?
A súa nai vaiche na vila
e o seu pai foise cas vacas.
Ora, meu meniño, ora,
quen che há de dar a teta
se o teu pai vai no muiño
e a tua nai na leña seca.

O arrolo é lento, baixiño, con linguaxe sinxela e repetitiva, acompañando o balanceo e favorecendo o descanso do bebé. A repetición, ademais de ser musicalmente eficaz, cumpre unha función calmante e afectiva. E aínda, de forma adaptada, serven para introducir a crianza na lingua e na paisaxe humana e natural da súa contorna: Fálase dos traballos e rotinas familiares e aparecen con frecuencia animais e lugares próximos, o que fai que funcionen tamén como micro-narrativas con valor emocional e pedagóxico. 

Unha iniciativa interesante de rexistro e recuperación dos arrolos tradicionais é o libro‑disco Non hai berce coma o colo, editado por Kalandraka, onde se recollen as melodías e letras de quince pezas tradicionais para adormecer a bebés, tan lindas como este Arrolo de Domaio:

Durme, meu neniño, durme,
dúrmete, meu pequeniño,
que teu pai ha de traerche
da ribeira un paxariño.

Este neno ten soniño
a mais non quere durmir-e,
durme, meu meniño, durme,
que a fada vén a por ti.

A ron ron, meu neno, a ron ron,
durme comigo
que che canto o a ron ron.

Durme, meu ruliño, durme,
durme que se durmes moito,
mercareiche un garridiño
na feira do dezaoito.

Durme, meu ruliño, durme,
que eu teño que facer-e
ir por unha ola de auga,
pór as fabas a cocer-e.

A ron ron, meu neno, a ron ron,
durme comigo
que che canto a ron ron.

O meniño quer durmir-e,
ganas de durmir que ten-e,
abre un ollo e pecha outro,
mira se a súa nai se vén-e.

O meniño quer durmir-e,
o dormir faino chorar-e,
durme, meu meniño, durme,
durme ao son do meu cantar-e.

A ron ron, meu neno, a ron ron,
durme comigo
que che canto o a ron ron.

Vídeo: Kalandraka TV