Chega o XXVII Encontro de Música Tradicional de Carboeiro

Coa chegada dos días máis longos e calorosos da primavera comezan as foliadas a ocupar con máis descaro os mosteiros, carballeiras, prazas e campos da festa. E entre todas esas citas que levan anos mantendo vivo o tecido cultural do país, hai algunhas que conseguiron construír unha personalidade propia. É o caso do Encontro de Música Tradicional de Carboeiro, que este 2026 celebra xa a súa vixésimo sétima edición no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda.

A xornada terá lugar o sábado 6 de xuño desde o mediodía, nun espazo que semella deseñado para a algueirada. Porque Carboeiro non é só un escenario, é un mundo! Con río, pedra, memoria e sobre todo, comunidade. E iso nótase na maneira en que aquí se vive a música tradicional, máis próxima á idea de encontro e convivencia que á dun festival entendido unicamente como espectáculo.

As actividades comezan ás 12:00 coa sesión vermú e cun dos momentos máis singulares do encontro: comeza coa poxa das andas, para ver quen pode cargar nas costas a Santa Ferreña, despois decorre a cerimonia solemne e a procesión, acompañada polos papamoscas de Viravolta. Haberá tamén aparición da coca, o mítico dragón mitolóxico, e danza de honra, mesturando humor, teatralidade e elementos da tradición popular nun ambiente que xa é marca propia desta celebración.

Durante toda a xornada poderá visitarse a exposición Coreografías do facer, composta por imaxes do traballo feminino pertencentes ao Fondo Henningsen do APOI – Museo do Pobo Galego, acompañadas por títeres da colección de Viravolta. Ao mesmo tempo desenvolverase unha nova edición da feira de artesanía, con postos de produtos realizados en madeira, metais, cerámica, tecido, coiro, fibras naturais ou materiais de refugallo, incluíndo instrumentos, xoguetes, complementos e diferentes pezas de artesanía tradicional.

Ao mediodía celebrarase tamén o xantar popular, con menú de empanada e xarrete con patacas ou opción vexetal, con empanada e arroz con verduras e cogomelos, ademais de sobremesa, pan, viño ou auga, café e gotas. Todo por 26 €.

Xa pola tarde, o encontro continuará con xogos populares e tradicionais para grandes e pequenas, xogantinas coa ludoteca itinerante de xogos artesanais de SororAs, un obradoiro de toques de campá e a contada Merlo que espera polas cereixas, de Celso F. Sanmartín.

E cara á noite haberá foliada aberta até que o corpo aguante, porque nun tempo no que tantas festas corren o risco de converterse en simple exhibición, encontros como este seguen lembrando que a tradición permanece viva mentres continúa formando parte da vida colectiva. E talvez por iso, despois de vinte e sete edicións, Carboeiro segue sendo un dos puntos de encontro máis especiais do calendario da música tradicional galega.