Como coidar a túa gaita

O mantemento dun instrumento é fundamental para alargar a súa vida desfrutando sempre da máxima calidade, tanto a nivel sonoro como na apariencia estética.

O primeiro é manipular o instrumento con coidado. Aínda que semella evidente, evitar os golpes é a regra número un de mantemento de case calquera cousa. E a gaita, dadas as súas partes cilíndricas, pode non ficar estábel e esvarar, se se pousa de forma pouco coidadosa. A caída pode implicar dende pequenas rabuñadas na madeira até chegar a deformar ou rachar algunha peza.

Ollo cos líquidos

A gaita non se debe sumerxir en ningún tipo de líquido. Tamén se debe protexer da chuvia ou outros líquidos, en particular o téxtil dos vestidos pode resentirse. Daquela, ollo co viño ou outras bebidas que acompañen a foliada.

Evitar mudanzas de temperatura

É importante gardar a gaita nun lugar fresco, seco e o máis estábel posíbel. Evidentemente, non sempre podemos escoller as condicións atmosféricas e climáticas, mais dentro das posibilidades, é ben ter presente que na casa o mellor lugar para a gaita son as estancias adaptadas para o confort das persoas.
Atención especial requiren os coches: Así como é desaconsellado deixar a gaita ao sol por períodos prolongados de tempo, igualmente perxudicial é gardala no interior dun vehículo estacionado ao sol nas horas de máis calor do verán, ou, no sentido contrario, durante noites moi frías. As temperaturas extremas afectan e poden perxudicar o estado da madeira. En particular se esas mudanzas acontecen nun período curto de tempo, como as poucas horas de distancia entre a xiada previa a tocar nunha alborada e o calor dunha sesión vermute.

A palleta e os pallóns

Estas son unhas das pezas máis sensíbeis da gaita, cómpre manipulalas con moito coidado. En caso de que non soen correctamente, débese comprobar que estean correctamente asentadas, e non forzar a presión do fol. E contra a crenza popular, está desaconsellado humedecer con saliva estas pezas.

Proceso de montaxe e desmontaxe

Para desmontar o punteiro a manobra ideal é agarrar cunha man da buxa e coa outra a parte superior do punteiro (non contra a campá, xa que podería partir o punteiro). Presionando da buxa e xirando para extraer o punteiro, con suavidade, até o fin da cortiza. O movemento acompasado entre as dúas mans axuda a que o punteiro saia dereito, evitando desta forma que a palleta roce nos bordes da buxa.

A limpeza

Para a limpeza da madeira pódese usar unha baeta ou pano suave, non sendo necesario ningún producto a maiores. Os aneis de prata poden requerir, puntualmente, un producto específico de abrillantamento para xoiaría de prata.

O fol

O fol de Gore-Tex® non necesita un mantemento específico grazas a que o tecido microporoso é transpirable, porén unha boa práctica tocando garante que non se sobrehumedeza. No proceso de inchado do fol, hai que tentar introducir a menor humidade ao soplar. E cando se consegue a presión idónea do brazo sobre o fol, compre mantela o máis constante posíbel. Optimizar a reserva de ar do fol evita insuflacións frecuentes, que en maior ou menor medida, achegan micropartículas de saliva. 

Durante a aprendizaxe, o profesorado de gaita xa instrue sobre o mellor xeito non só para acadar un óptimo resultado sonoro, senón para usar da forma máis eficaz o instrumento. Daquela, é importante atender á postura e colocación para tocar a gaita, de maneira que aporte comodidade, control e lucimento estético.

As cortizas

As cortizas, que selan diferentes partes da gaita, deben manter unha lixeira lubricación. Tradicionalmente para isto usábase sebo de orixe animal, porén, tamén se pode empregar vaselina. Esta hidratación das cortizas debe aplicarse con moita moderación, en particular nas que van en contacto coas buxas do ronco e da ronqueta, para que non cheguen a xirar durante a afinación. En xeral, as cortizas adoitan non ter unha vida moi longa. En caso de que precisen ser substituídas, a recomendación é sempre vir polo obradoiro e deixalo nas mans do noso lutier.

Como gardar a gaita

A gaita debe ser utilizada con certa regularidade, e despois de cada uso, é recomendábel retirar o soprete da buxa e sacudila para retirar a humidade que fique na válvula. Idealmente aconséllase gardala desmontada, e para períodos prolongados de tempo é preferíbel non gardar a gaita pechada no seu estoxo ou funda, sendo preferíbel deixala colgada de forma vertical, e non pousada, para evitar deformacións da madeira.

Se desexas botarlle unha ollada ao
noso catálago de gaitas: