Poderíamos arriscar a dicir que hai case tantas pandeiretas como tocadoras, xa que este é un instrumento que permite un alto grao de personalización.
Ademais é un instrumento presente en moitas culturas, da árabe á nosa, pasando pola rusa, con pequenas variantes.
No caso das pandeiretas galegas, o diámetro mais frecuente é de arredor de 25 centímetros, pero poden variar, dos 13cm as máis pequenas, até chegarmos á transformación en pandeira; que vai dos 40 ao 50 centímetros de diámetro.
Tamén varían o número de ferreñas, as máis habituais son de sete, nove e once pares de ferreñas. No nosa tenda online podes escoller dos catro aos trece pares. E aínda temos “a silenciosa”, de pino natural e sen ferreñas, un modelo básico perfecto para ensaiar na casa.
Hai xa algún tempo, escribíamos sobre como se fabrica o instrumento. Como no noso obradoiro cada peza é feita a man podemos facer o modelo exclusivo; podes escoller do tipo de madeira, de pino ou de nogueira, até as cores, se preferes a madeira pintada, con variedade de acabados, troquelados e incluso coa posibilidade de deseños no parche.
Ferreñas normais
Ferreñas douradas
Ferreñas templadas
Ferreñas feitas a man
Chapas
O xeito de tocar, como o propio instrumento, tamén ten as súas variantes, sendo a forma tradicional galega termar do instrumento coa man dereita manténdoo vertical e xirando sobre o seu eixo, facéndoo bater contra a man esquerda aberta, contra o puño pechado ou contra o pulso.
Nós poñemos o instrumento, a música tes que poñela ti.