Como se fai unha pandeireta?

A percusión é un tipo de son musical primixenio, e a aparente simplicidade do golpear non resta grandeza ao son que nos conecta cos latexos. Así as pandeiretas son dos instrumentos tradicionais máis versátiles e demandados. Hai quen compra unha sen a saber tocar, para tela na casa por se fai falta o día da festa, ou mesmo por desfrutala como elemento decorativo.

A madeira

No obradoiro de Pablo Martínez só se usan madeiras galegas para a elaboración de pandeiretas. Ben piñeiro, ben nogueira. Ambas seleccionadas coidadosamente. O piñeiro é unha madeira branda e lixeira, e a nogueira é unha madeira nobre, demandada polos máis sibaritas.

Unha vez cortada a madeira, cómpre transformar as láminas en círculos. Primeiro sumérxense en auga durante aproximadamente unha hora, para que se hidrate e fique maleábel. Despois vén o proceso de torsión. Antigamente para virala e darlle forma usábase o lume. Cun soprete íase aquecendo e colocando nun molde redondo, onde se fixa a forma. Hoxe en día o máis frecuente é darlle a forma circular coa axuda dunha máquina que -despois de mollada- torce a madeira mecanicamente, dun xeito moito mais rápido e máis estábel. Este sistema, que aporta solidez e estabilidade é o empregado no obradoiro de Pablo Martínez, pero aínda hai quen conserva o procedemento tradicional de dobrar a lume, por manter vivo un proceso ancestral.

Piñeiro

Nogueira

O ferro

As ferreñas fanse con troquel, as máis frecuentes son dunha aleación con base de latón, de latón puro ou temperadas a lume. As temperadas, que se distinguen pola cor máis escura, tamén adquiren unha sonoridade diferente, un brillo característico. Ademais, Pablo Martínez xoga na creación de pandeiretas únicas incorporando ferreñas con lata reciclada de caixas de marmelo ou chapas de cervexas. 

A pandeireta estándar galega leva nove pares de ferreñas. Pero tamén se fan con máis, até os once pares, ou ben máis pequenas, de catro, cinco ou sete pares, pensadas para crianzas.

Ferreñas normais

Ferreñas douradas

Ferreñas templadas

Ferreñas feitas a man

Chapas

Os coiros

As peles para o parche son de cabra, cabrito ou ovella. Resultan ideais polo equilibrio entre a dureza e a maleabilidade. E este material vén sendo utilizado desde hai séculos e en diversas culturas para a elaboración de instrumentos de percusión que enraízan no arcaico. No proceso de construción da pandeireta, a pel ten que se deixar a remollo, unha hora aproximadamente, e despois, unha vez amolecida, cósese ou grámpase na estrutura de madeira. Logo, para fixalo colócaselle por riba un aro metálico.

A tensión da pele regúlase para ofrecer o son idóneo. Aínda que as pandeiretas non son unha ciencia exacta e será a persoa tocadora quen dea a cor ao golpe no coiro.

Parche normal

Parche debuxado

Coidados e mantemento

As pandeiretas son pezas de doado mantemento; pero como a calquera instrumento, aféctalle o sol directo, a choiva, a humidade, ou mudanzas bruscas de temperatura. Fóra disto, non require un coidado especial. Hai quen coloca un chisco de cera na pel para facilitar o riscado, pero sen pasarse.

Normalmente unha pandeireta dura moitísimo tempo, apenas adoitan ter unha vida máis curta as do profesorado, porque se bate moito nelas sen experiencia. Rachar o coiro nunha foliada é unha cousa infrecuente -só acontece nos seráns máis salvaxes-. Pero pode pasar. Tamén que caia a pandeireta batendo onde vai unha ferreña, e se cae de punta, pode partir a madeira. Tanto mudar o parche como restaurar a madeira son arranxos que se restauran eficazmente. Aínda así, a maioría da xente que muda de pandeireta non é porque a súa non estea ben, senón por adquirir unha segunda peza para os días de gala. E véndoas, non é de estrañar.

Se desexas botarlle unha ollada ó
noso catálago de pandeiretas: