Dá licenza para que lle cantemos os Reis?

Unha das tradicións ligadas ao Nadal no noso país son os cantos de Reis. Tanto as nenas e nenos como a mocidade, participan facendo unha rondalla que vai cantando de casa en casa a noite do 5 de xaneiro e pedindo o aguinaldo. Varios grupos teñen traballado na recollida e recuperación desta tradición como os Chichisos de Pontevedra ou os Santiaguiños de Boimorto.

Os aguinaldos tradicionais eran xeralmente en especie: lambetadas, chourizos, viño… E consumíase no grupo, facendo unha foliada. (Os reises cantamos pedindo aguinaldo/ chourizos, touciño, pra facelo caldo/ pra facelo caldo, pra facelo caldo/ chourizos, touciño pedindo o aguinaldo). Hoxe, sobretodo nos cantos polas cidades, o aguinaldo adoita ser diñeiro, que os pequenos gastan nunha festiña.

Con respecto ás pezas en si, comezaban cunha presentación dos “Reiseiros”, onde se pide permiso para cantar na casa (de lonxe viñemos os que aquí chegamos/ se nos dan licenza os reises cantamos/ os reises cantamos, os reises cantamos/ se nos dan licenza os que aquí chegamos). 

A continuación desenvólvese un relato, normalmente de temática relixiosa, arredor da historia do nacemento de Xesus e a viaxe de Nazaret a Belén de María e Xosé. A maioría das letras falan do camiño, e tamén gardan un pouso pre-cristiano de relación co solsticio de inverno, e a fase de renovación que trae o ano novo e os días que comezarán a medrar. 

O remate habitual é cunha loubanza á casa onde se canta, agradecendo o aguinaldo (Moito anos viva/la dueña de casa/que en dar aghinaldo/nunca foi escasa./Moitos anos viva/el dueño también/ todo el mundo dice/que es hombre de bien). Aínda que en caso de non ter recibido nada, tamén pode acabar con escarnio e maldizer (Cantámosche os Reices/perniñas de cabra/cantámosche os Reices/ non nos deches nada). Finalmente, sácase unha xota ou muiñeira e convídase a danzar á xente da casa.

As composicións mudan por comarcas, mais a tradición é constante ao longo de toda Galicia, con moita riqueza e diversidade. No Nadal son as panxoliñas ou nadais, no Fin de Ano as Xaneiras, Aninovos ou Manueis, e na noite do 5 de xaneiro, os cantares de Reis.

Para alén das cantareiras e cantareiros, no grupo non falta unha gaita e algúns intrumentos de percusión, pasando por botellas de anís, cunchas e culleres.

Foto de portada: pontevedraviva