Chega a primavera e con ela a alborada de gaitas, pandeiretas e alalás da nosa música tradicional, que este ano está de celebración por ter sido escollida como homenaxeada polas Letras Galegas 2025, un recoñecemento que pon en valor a literatura oral como narradora colectiva da nosa historia.
Aínda que o noso folclore xa viña gozando de boa saúde, a excusa da homenaxe polo 17 de maio fai con que este ano se multipliquen as enerxías e vontade de festas tradicionais por todo o país. Tamén aquí, no Concello de Barbadás, na comarca de Ourense, onde se encontra o noso obradoiro, e ao redor do que tecemos día a día una comunidade conectada através das cordas sólidas da música.
Achéganse dúas citas que dan boa mostra diso: a Festa da Sementeira, que celebra o seu 49 aniversario, en Bentraces, e a IV Foliada das Letras Galegas, na Valenzá.
A primeira, organizada pola Asociación Músico Cultural Velaí Vai -da que participa o noso artesán, Pablo Martínez- xunto coa A.V. de Bentraces, será o sábado 26 de abril. Comeza ás 11 da mañá, con postos de artesanía e o arrecendo da pulpeira, que abren camiño a un día de festa que ten como corazón a música. Ás 12:00, comeza a sesión vermú co ritmo de Nova Fronteira – agrupación na que tamén está envolvido o noso artesán e gaiteiro Pablo Martínez- e Os Avesoiros, adiantando o que será unha tarde de celebración que culmina ás 19:00 coa actuación de a De Pé Feito, Ruxas, Grupo Instrumental Escolas da Coral da Ruada, Grupo de Baile da AOFT, Ferreñas no Lusco Fusco e Velaí Vai -máis unha agrupación dinamizada por Pablo Martínez-, facendo que Bentraces se converta nun fervedoiro musical. Esta festa é semente en todos os sentidos: un encontro que celebra a terra, o oficio e a tradición, e que planta futuro para a nosa tradición.
Un mes despois, o 24 de maio, a Foliada das Letras Galegas toma o Parque dos Carrís da Valenzá cun programa que mestura música, baile, gastronomía, xogo e diversidade cultural. O día comeza ás 12h cun desfile pola Avenida de Celanova, acompañado pola Banda de Música Cultural de Barbadás e, de novo, Nova Fronteira, que semella estar en todas as boas foliadas. O mediodía énchese de sons galegos na sesión vermú e, ás 14:30, o aroma do porco ao espeto convida a xantar en comunidade.
Pero a Foliada non para aí. Ás 16h, decorrerá un obradoiro de danzas do mundo con Dantzari, que abre as portas á cultura tradicional vasca a partir da súa danza, e das 17:30 en diante comeza a festa rachada, cun cartaz que mestura tradición e identidade: Velaí Vai, Cantares da Cunha, Escola Tradicional Nova Fronteira, Picafoles, Vagalumes e as Pandeireteiras de Seixalvo enchen o serán de ritmo. Ademais, durante a xornada haberá xogos populares e sorteos, facendo a festa amena e participativa para todos os públicos.
Este ano, ambas festas adquiren un significado especial: o feito do Día das Letras Galegas 2025 render homenaxe á música tradicional galega é para nós unha alegría e un orgullo, que nos fai sentir protagonistas. Un recoñecemento do noso patrimonio inmaterial como forma de expresión que mantén viva a lingua do país para o que tantos milleiros de persoas contribuímos. A música que soa en Bentraces e na Valenzá non é só entretemento: é unha forma de contar quen somos, de celebrar o que temos en común e de seguir transmitindo unha herdanza que non entende de modas, pero si de emocións compartidas.
Ambas festas son moito máis ca eventos culturais: son espazos de encontro, resistencia e amor pola nosa lingua e polas nosas raíces. A música tradicional galega non vive nun museo: vive no pulso da xente, no baile espontáneo, no riso compartido arredor dunha mesa. En Barbadás, a primavera florece ao son dunha gaita, e cada nota é unha homenaxe ao que fomos e ao que seguimos sendo.
Fotografías: ourense.com