Xa estamos de cheo no Entroido de 2026! E non hai temporal que pare unha das celebracións máis poderosas de entre todas as festas do noso país. Como xa temos comentado neste blog, o entroido ten fondas raíces con orixes pagáns ligadas á despedida do inverno e benvida da primavera.
A autoridade moral da festa son os peliqueiros, figuras icónicas que percorren as rúas cos seus cencerros e máscaras, e quentándolle o lombo coas zamarras a quen ande despistado. E, en canto a momentos emblemáticos, destaca a farrapada, un episodio caótico e catárticos ao mesmo tempo. É unha escena de forza primitiva, onde só cabe o bo humor e a vontade de integrarse na celebración, empapándose da enerxía telúrica da festa tradicional máis poderosa agardada do inverno galego.
Se o ano pasado nos detíñamos na celebración de Verín, e o anterior na de Xinzo de Limia, este ano pechamos o triángulo máxico facendo parada en Laza. O de Laza é o mellor exemplo de que o entroido non é carnaval. Trátase dun encontro por e para a veciñanza. Non é tanto para ser visto como para ser vivido: para enzoufarse, fartarse de cocido e viño e bica de sobremesa, e para facer parte dos cantos de taberna e das foliadas improvisadas que son parte fundamental da catarse colectiva que o entroido representa.
Programación e actos principais
Neste 2026, o Entroido de Laza, co epicentro na Praza da Picota, xa comezou en xaneiro. Os Venres de Folións —foliada salvaxe, como quen di—, marcaron a apertura festiva cos pasarrúas que decorreron o 23 e 30 de xaneiro, e o 6 e 13 de febreiro. Sendo este último, o do día 13, o “grande”: énchese a vila con fachóns e bombos, con saída da Caldeiriña e pasando pola Cerdeiriña, A Picota, A Rúa, Souteliño e Cimadevila, para rematar con cea popular de cocido. Hai mascarada, festa rachada e moita música.
Mediado febreiro chega tamén o Xoves de Comadres, que este ano cae o 12 de febreiro, data na que se reúnen as mulleres para cear e dar comezo formal á etapa central das celebracións principais. Ademais, nesta mesma xornada celébrase o Folión das crianzas e hai verbena á noitiña.
O 14 de febreiro, Santo Valentín pasa inevitablemente a segundo plano: é Sábado de Cabritadas e Laza enche a praza da vila coa tradicional fariñada e, ao remate, música en directo. Coidado este día con non confundirse e acudir con traxe carnavalesco de lucir: aquí non hai desfile para posar, e ninguén está a salvo de acabar rebozado de fariña.
Fotografía: Entroido de Laza
O Domingo de Estrea, día 15 de febreiro, está protagonizado pola aparición dos peliqueiros, que saen á rúa despois da misa, saúdan —e tamén poden azoutar a quen ande despistado ou sen disfraz— e abren formalmente o núcleo da festa, acompañados de charangas, pasarrúas e o tradicional desfile de carrozas. Pola noite, de novo, verbena popular.
E tras o Domingo de Estrea chega o Luns Borralleiro (16 de febreiro), un dos días máis emblemáticos. É a xornada da farrapada —a batalla de trapos enchoupados en lama—, da Xitanada de burros e da baixada da Morena, acompañada de formigas e cobelleiros na Praza da Picota. Hai tamén reparto de cachuchas de porco, que se comen así, de man en man, e música que mantén o pulso da vila.
O Martes de Entroido, 17 de febreiro, é día grande: pasarrúas e saída dos peliqueiros veteranos pola mañá e, pola tarde, baile, lectura do Testamento do Burro —que recrea con ironía e crítica a memoria dos acontecementos do último ano—, enterro do entroido e loito dos peliqueiros. Mais esta noite aínda queda festa.
E finalmente chega o Domingo de Piñata, que cae o 22 de febreiro. É a xornada do peche festivo, con pulpeira na Praza da Picota e música para despedir o entroido até o ano que vén.
Fotografía: Faro de Vigo.