Facer unha pandeireta reciclada para crianzas: tradición, xogo e creatividade

A percusión comeza co corpo, batendo unha man contra a outra, e aprender ritmos básicos pode ser un óptimo xogo para introducir os pequenos e pequenas na festa da música.

Agora que chega o verán, rematan as aulas na escola e aumenta o seu tempo libre propoñemos subir un chanzo arriba: Para que as crianzas se convirtan tamén en artesáns da música tradicional galega, suxerimos fabricar un primeiro instrumento -rudimentario- para abrírmoslles unha porta ao mundo da percusión desde a súa propia creación.

Esta é unha actividade sinxela, divertida e ecolóxica: construír unha pandeireta con materiais reciclados, pensada especialmente para que manciñas pequenas e curiosas lles deas unha nova vida chea de ritmo aos materiais máis humildes.

A pandeireta resultante non será profesional, pero permitirá improvisar unha cantarea, e axudará a valorar o momento en que poidan ter unha profesional.

O corazón do son

Unha das pezas fundamentais son as ferreñas. Para esta versión doméstica, buscaremos ferreñas improvisadas: anelas de latas de refresco, chapas metálicas, chaves vellas… Pezas que podemos ir xuntando durante días, que xa tiveron unha función e que agora soarán doutra maneira. Procuraremos entre cinco e dez, e dependendo do tamaño e solidez do parche, colocaranse máis ou menos. Iso si: teñen que ter burato ou ser doadas de perforar, para poder atalas cun fío ou arame ao corpo da pandeireta.

O corpo: prato ou tapa

O parche pode ser un prato de cartón ríxido ou a tapa redonda dunha caixa. Algo que resista un pouco o movemento, pero que poidan manexar as crianzas sen dificultade. Faremos nel tantos buratos como fereñas queiramos, cun punzón arredor do bordo, e por cada burato pasaremos o fío -serve calquera corda fina ou cordón sen uso- co que atar as ferreñas (idealmente en parellas). Deben quedar soltas dabondo para que poidan chocar entre si ao mover a pandeireta.

E finalmente, rematamos coa decoración deste “coiro” improvisado e libre, utilizando pinturas, papeis e pegamento, pegatinas ou o que haxa á man. A música comeza tamén por ollar con orgullo algo feito por un mesmo.

Un xesto que é unha semente

Neste tempo de pantallas e obxectos comprados, facer unha pandeireta con materiais reciclados é tamén un acto de resistencia creativa. E un xeito de dicirlles ás crianzas que a música pode nacer das súas mans, que o ritmo está no corpo e que calquera cousa —un prato, unhas cunchas, un fío— pode converterse nun instrumento.

Non soará como as tensadas no noso obradoiro, nin falta que fai. O importante é que soará a descubrimento, ao propio, á tradición reinventada. Soará como soan as cousas pequenas que levan dentro algo grande.

Fotografías: guiademanualidades.com