Se hai un evento internacional destacado para a música tradicional de raíz, ese é o Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. É o maior acontecemento destas características no mundo. Comezou a celebrarse en 1971 e aí segue, cincuenta anos despois.
Creouse para acoller unha competición de bagad -así se chama a agrupación musical bretoa de gaitas e percusión- e foi medrando até ser un referente internacional, acollendo concertos e espectáculos de danza, desfiles e actividades culturais. Xa na década dos 90 era un dos festivais de música máis importantes de Francia, acollendo 4000 artistas e até 600.000 persoas en 10 días. Hoje conta con arredor de 20 escenarios ao longo da cidade, tanto para eventos multitudinarios, como o estadio de fútbol do Lorient F.C que acolle até 10.000 persoas, como para intervencións máis pequenas na rúa ou en bares.

Algúns dos eventos míticos do festival son o comezo coa Kaoteriad, un xantar onde se come unha receita tradicional de peixe bretoa e se ameniza con música tradicional tamén bretoa. A Nuit Magique, onde se xuntan todos os grupos participantes nunha gala multitudinaria que se celebra no estadio de futbol da cidade, acompañados de pirotecnia.
La Grande Parade é o desfile principal polas ruas de Lorient, con todos os grupos engalanados cos seus correspondentes traxes tradicionais; toda unha exibición, en que participan até 3500 persoas, entre bandas de gaitas, grupos de baile e outros artistas. Celébrase tamén o campionato nacional de Bagadoù, orixe do festival, que reune as mellores bandas de gaitas bretoas.
Ademais, durante todos as mañás hai clases de arpa, gaita ou acordeón. E tamén, de xeito paralelo, realízase o Mercado Intercéltico, unha feira en que se ofrecen todo tipo de productos, de bebida e alimentos até libros, roupa ou comida.

Fotografía: celtica.es
Edición 2021
Cada ano o Festival está dedicado a un dos países en particular, e este ano, con ocasión do cincuenta aniversario, foi Bretaña quen presidiu o evento. Este mes, entre o 6 e o 15 de agosto, aínda con medidas de seguridade debido á situación sanitaria, vimos de desfrutar da edición de 2021. E nun cartel de luxo, non faltou a participación da música galega de raíz, da man de Abraham Cupeiro, Carlos Nuñez, Anxo Lorenzo e Faíscas de Pontraga.

Fotografía: @osfaiscasdapontraga
Países celtas
O festival é un punto de encontro non apenas musical, mais cultural no sentido máis amplo, de irmandade entre as consideradas nacións celtas.
As primeiras reivindicacións da tradición celta no século XIX foron de Irlanda, Gales, Escocia, Bretaña e a Illa de Man. A partir de 1920 o Celtic Congress aceptou tamén a entrada de Cornualles. En Galiza no século XX, de forma paralela e vinculada ao galeguismo, desenvolveuse a investigación arredor de numerosas expresións arquitectónicas, estéticas e musicais para reivindicar a pertenza do noso país á mesma raíz arqueolóxica, histórica e cultural. A desaparición da língua celta, pre-romana, non impediu que o carácter cultural e, com particular destaque, a tradición musical, fortalecese este recoñecemento. Os achegamentos e pontes tendidas polos galeguistas de comezos do século XX foi truncado pola ditadura, non chegando o noso país a facer parte formalmente das organizacións internacionais celtistas.
Neste sentido, o Festival de Lorient é un actor cultural referencial para o recoñecemento e difusión da nosa cultura común, recoñecendo como nacións celtas a Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles, Asturies e Galiza. Ademais, desde o ano 2000 convídanse tamén artistas de outros países con forte peso da emigración procedente dos países celtas, como Arxentina, México, Estados Unidos, Australia, Nova Zelandia, Romanía ou Italia.
