O Fleadh Cheoil recunca en Mullingar

O festival Fleadh Cheoil é un dos eventos referenciais a nivel mundial dentro do panorama da música celta. Con máis de 70 anos de historia e foco na música tradicional irlandesa, vense organizando dende o ano 1951! Tense celebrado en diferentes cidades, com Sligo, Tullamore, Ennis ou Derry, entre outras, e este ano repite en Mullingar, onde está a desenvolverse xa a edición 2023, entre os días 6 e o 14 de agosto. 

Para alén dos concertos, no Fleadh Cheoil tamén se organizan competicións, en que arredor de 20.000 artistas participan cada ano. Comezan previamente, por comarcas, até chegar á competición nacional durante o Festival. Outros lugares, como Gran Bretaña ou Estados Unidos e Canadá tamén participan. Estas competicións foron deseñadas desde o mesmo nacemento do Festival, coa intención de estabelecer os estándares da música tradicional de raíz irlandesa, e subdivídese con diferentes categorías por idades, diferenciando solistas de grupos e tamén por instrumentos. De gaitas e flautas, a violinos ou harpas, pasando por instrumentos de percusión como o bodhrán. Aínda hoxe as competicións son un elemento central do Festival, ao que se lle foron sumaron outros concertos, desfiles e actividades.

O público tense calculado por riba do medio millón de persoas asistentes, de Irlanda e do resto do mundo, sendo o evento de música irlandesa máis grande do mundo.

Para quen queira mergullar na música celta con raíz irlandesa este é un evento que envolve a toda a cidade, onde desfrutar do patrimonio inmaterial de Éire; do baile tradicional, até participar nun obradoiro de lingua irlandesa ou outras charlas culturais. Con formatos moi diferentes, nos oito días de celebración podes descubrir do ambiente íntimo dos pubs até ver en directo artistas como Martin Hayes, Sharon Shannon, The Bridge Céili Band, Daithí Gormley, Frankie Gavin ou Catherine McHugh, por citar só algúns nomes da edición deste ano.