O festival anual de música de raíz de Glasgow decorre do 19 de xaneiro ao 5 de febreiro. Un evento que fai vibrar a cidade durante 18 días, xuntando máis de 2100 músicos e músicas.
O Celtic Connections pon en valor as ligazóns do folk tradicional escocés co jazz, o soul, a música americana e as músicas de raiz do mundo desde 1994. Organízanse concertos, charlas, obradoiros, ceilidhs (nome gaélico que se dá a festas con danza tradicional de Irlanda e de Escocia), exposicións artísticas ou jam sessions, contando no total con máis de 300 actividades de diferentes xéneros.

Polos seus escenarios pasaron artistas referenciais como Joan Baez, Phil Cunningham, Jerry Douglas, Cherish the Ladies, Aly Bain e, entre os mellores, tamén marcou presenza a música galega de raíz, tendo tocando nos escenarios do Celtic Connections de Glasgow Luar na Lubre ou Carlos Nuñez.
Na edición deste ano pasarán polos distintos escenarios de Glasgow: Saltfishforty, The Magpies, Fern Maddie, Treacherous Orchestra, Peat & Diesel, Moonlight Benjamin, The Poozies, FRAS, a Orchestral Qawwali: Abi Sampa & Rushil, Vedanth & Gurupriya, Grant-Lee Phillips, Alasdair Whyte, Màiri MacMillan ou Juliette Lemoine entre moitos outros artistas.

O epicentro do festival é o Glasgow Royal Concert Hall, que acolle actuacións en diferentes dos seus espazos, porén, os concertos e actividades exténdense por outros puntos da cidade, como bares, teatros ou igrexas. Na convocatoria poden verse as localizacións e horario de cada evento.
Todo o festival goza dunha ampla cobertura mediática, e para alén de outros medios de comunicación, a Celtic Music Radio emite durante horas ao vivo desde o Glasgow Royal Concert Hall, incluíndo, ademais da retransmisión dos concertos, comentarios do evento, reseñas e entrevistas con artistas.
Programa Educativo
Un dos eixos do festival é o seu Programa Educativo, no que participan miles de escolares, asistindo a concertos matinais gratuítos. Esta oportunidade é moitas veces a primeira esperiencia de escoitar música ao vivo para a rapazada máis nova. Tamén se organizan diferentes obradoiros, en que chegan a participar millares de crianzas.
Esta atención á educación, para alén do propio pracer de desfrutar coa música, axuda a fomentar a creatividade e á creación de futuros públicos, así como á descuberta de novos talentos, através de espazos específicos para concertos de xente nova como son o Young Tradition e o New Voices, ademais do concurso Danny Kyle Open Stage.
O estudantado universitario de enxeñarías ligadas ao audio da Glasgow Caledonian University tamén fan parte do festival, e desde 2015 organizan o Celtic Connections on Campus en que se desenvolven concertos gratuítos durante a hora do xantar, en que os intérpretes son o propio estudantado.

Showcase Scotland
O showcase Scotlhand trátase do maior acontecemento da industria musical na Escocia. Adoita acontecer durante o último fin de semana do festival, e é unha expo na que se reunen delegacións, promotores, discográficas e artistas da industria musical; aquí póñense en contacto axentes culturais de máis de 35 países.
Durante os últimos dous anos, por causa da Covid-19, o festival foi retransmitindo por Internet, e máis de 100.000 personas de 65 países viron máis de 10,5 millóns de minutos de contido durante 19 días. Este ano, 2023, recupéranse os eventos presenciais no Glasgow Royal Concert Hall con grande expectativa! Se queres asistir a algún dos eventos deste ano, toda a información detallada está no site www.celticconnections.com.
Fotografía de portada: Wikipedia