Festival Internacional de Armagh

En novembro decorre a 28ª edición do Festival Internacional de Gaitas de Armagh na Irlanda do Norte.     

Será os días 17, 18, 19 e 20 deste mes, e malia que este ano non hai participación galega na programación, haberá igualmente un cartel de luxo, no que destacan, entre numerosos artistas irlandeses, Louise Mulcahy e Tiarnán Ó Duinnchinn, a Orquestra de Foles de Portugal, e grupos de diferentes orixes como Italia, Estados Unidos, Escocia e Inglaterra.

Para alén das actuacións musicais, haberá diferentes obradoiros e palestras dende a tarde do xoves, e durante as catro xornadas, até finalizar na tarde do domingo.

O Festival Internacional de Gaitas de Armagh é organizado pola escola de música independente Armagh Pipers Club, que se encarga deste encontro anual desde 1994. Hoxe en día é un festival referencial para as persoas apaixonadas pola música folk de todo o mundo.

 

O festival tamén é nomeado como William Kennedy Piping Festival, en homenaxe ao histórico músico e recoñecido luthier William Kennedy (1768-1834) natural de Armagh.

 

Kennedy ficou cego aos catro anos, aprendeu a tocar varios instrumentos -era unha práctica común en outras épocas, as persoas cegas dedicárense á música- e ademais, fíxose reloxeiro e ebanista, especializado na construcción e reparación de instrumentos. Do seu traballo, recoñecido pola calidade e perfección, destacan as súas gaitas, nas que, segundo fontes da época, introduciu melloramentos mecánicos e sonoros no deseño, polo que a súa sona chega até os nosos días.

Fotografía: https://visitarmagh.com/

A escola

A Armagh Pipers Club é unha escola independente, fundada en 1966, que formou centos de músicos e músicas, moitos dos cales tiveron exitosas carreiras profesionais, tanto artistas como ensinantes e académicos especialistas en musicoloxía. Despois de seis décadas en funcionamento, a escola tense convertido nun centro referencial para a formación en música tradicional irlandesa de persoas adultas e crianzas, que atesoura ademais, a produción de 15 libros de texto e numerosos materiais audiovisuais. Ofrece aulas de varios niveis para canto e para oito instrumentos tradicionais: frauta, banxo, violino, acordeón, arpa, concertina, asubío de lata e gaita irlandesa. Tamén organiza concertos periódicos e formacións con artistas consagrados, para alén do Festival.

Fotografía de portada: Wikipedia