Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) viviu case cen anos e foi un dos intelectuais referenciais do campo cultural galego do século XX.
Homenaxeado co Día das Letras Galegas 2023 é, de feito, o promotor da conmemoración da data, xa que foi el, xunto con Manuel Gomez Román e Xesús Ferro Couselo, quen propuxeron esta celebración na Real Academia Galega en 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
Francisco, ou Paco, como o chamaban no seu entorno máis achegado, nace nunha casa rica e rodeado de irmáns -é o primoxénito de once-; o seu pai tiña feito fortuna na emigración en Cuba, e eran proprietários de terras, casas e dun negocio de tecidos. Así foi como se puido permitir ir estudar Dereito a Madrid.
Durante os estudos transladouse para Santiago de Compostela, onde simultaneou a carreira de Dereito coa de Filosofía e Letras. Foi nesta altura que comezou a súa actividade literaria e política, relacionándose con destacados galeguistas da altura, como Otero Pedrayo, Castelao, Anxel Casal ou Ricardo Carvalho Calero. Nesta fructífera etapa dirixiu a revista Universitarios, e desempeñou a secretaría da revista Alento. Colaborou con artigos en numerosas publicacións e incorporouse ao Seminario de Estudos Galegos. Filiouse ao Partido Galeguista e foi o primeiro secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas, sendo tamén o secretario xeral da organización xuvenil galeguista Ultreya.

Fernández del Riego ofrece unha conferencia no Liceo Compostelano sobre a literatura galega do s. XX (1935). Fotografía: Arquivo Biblioteca Fernández del Riego. Real Academia Galega.
A efervescencia cultural e política dos anos vinte e primeiros trinta trúncase co golpe franquista de 1936. Nesa altura Fernandez del Riego preparaba a súa tese de doutoramento e exercía como profesor de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Foi inhabilitado polo Tribunal de Orden Público en 1937. Tras un periodo fuxido, decidiu incorporarse ao exército golpista. Deste xeito o franquismo resolveu o seu expediente, con unha multa e tres anos de inhabilitación.
Despois da guerra participou nas tentativas de reorganización do galeguismo. En 1947, colaborou, xunto con Leuter Salgado, para a emisión dun programa cultural radiofónico no Reino Unido (na BBC), no que se falaría en galego, lingua prohibida no país. Neste mesmo ano gañou un concurso literario en Buenos Aires, da Federación de Sociedades Galegas coa obra Cos ollos do noso esprito. Ese mesmo ano de 1947 sufriu outro episodio represivo, sendo detido, encarcerado e xulgado en consello de guerra, aínda que rematou sendo exculpado.

Recepción a Francisco F. del Riego na súa visita a Buenos Aires en 1954, acompañado entre outros, de Antón Alonso Ríos, Manuel Puente e Ramón Suárez Picallo. Fotografía: praza.gal
A partir deste momento, Fernández del Riego convértese nun dos impulsores da restauración cultural de posguerra, renunciando á loita política. Fundou, xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto a editorial Galaxia en 1950.
No ano 1954 viaxou por Latinoamérica, tivo contactos co Consello de Galiza e denunciou a persecución ao galego na UNESCO, o que implicou que á volta fose detido, encarcerado e procesado en consello de guerra, sendo de novo, exculpado.
En 1960 ingresa na Real Academia Galega, institución que presidiu entre 1997 e 2001.

Francisco Fernández del Riego. Fotografía: galiciapress.es
A súa obra literaria
Como escritor ten unha extensa obra publicada ao longo de máis de cinco décadas. Destaca polo seu volume o traballo xornalístico, as colaboracións en prensa, nomeadamente cultural, e o seu importante labor como activista, editor, traductor e investigador. Con ducias de publicación, Fernández del Riego publicou entre outros, os ensaios Historia de la literatura gallega (1951), Galicia no espello (1954) ou A xeración Galaxia (1996). Tamén obra en narrativa, como a novela ambientada na guerra O cego de Pumardedón (1992), as súas memorias ou parte da súa correspondencia.
Fernández del Riego doou a súa biblioteca á cidade de Vigo, e hoxe fai parte da Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, na Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa do casco vello da cidade.

Vídeo: iesbeadeTV
Fotografía de portada: EuropaPress