O Día das Letras Galegas este ano deu un xiro histórico, superando, con moito, a celebración ritual do 17 de maio á literatura do país. Na edición de 2025, a tradicional homenaxe a un escritor excedeu os seus límites, atrevéndose a escoller protagonista en feminino plural: as cantareiras.
Desde xeito, o foco é toda a poesía popular oral, un patrimonio inmaterial do que as persoas que facemos parte do campo da música tradicional nos sentimos particularmente herdeiros e herdeiras. É esta unha candidatura múltiple que representa a millares de persoas que en distintas épocas coidaron e transmitiron a nosa tradición centenaria.
A Real Academia Galega, responsábel da escolla, personalizou a proposta en sete mulleres representativas: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).
Fotografía: Real Academia Galega.
Estas mulleres -como tantas outras persoas- foron gardiás e transmisoras da lírica popular, compartindo coplas e cantigas coas seguintes xeracións, neses encontros onde a música nos conecta e nos fai vibrar: as foliadas, seráns e festas populares. Mantendo a tradición viva incluso nos momentos en que outros procesos sociais a poñían en risco, como foi a urbanización e a chegada de novos estilos e tendencias musicais, en particular a partir da década dos anos 50.
A homenaxe tamén inclúe a Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que, nos anos 70, fixo unha ampla recollida que está compilada no Cancioneiro Popular Galego, unha xoia da que xa falamos neste blogue.
Ademais, o feito de que o Día das Letras Galegas se dedique ás cantareiras é un xeito de recoñecer que a cultura oral, tradicional e feminina tamén merece estar no “panteón” da cultura galega, tradicionalmente reservado á chamada “alta cultura”. Un recoñecemento necesario para aquelas que mantiveron viva a nosa lingua e cultura nos ámbitos máis humildes da sociedade.
Fotografía: Real Academia Galega.
A celebración está a ser un éxito en canto á participación coral e diversa de moitos sectores sociais e tivo expresións diversas; de festas populares e edición de publicacións até unha manifestación multitudinaria en defensa do idioma que encheu a praza do Obradoiro o 17 de maio en Santiago de Compostela.
Un rebulir social que demostra a vitalidade da nosa cultura e tradición no presente, así como un compromiso profundo para que a nosa lingua e a nosa literatura oral dialogue coa modernidade, da man de outro patrimonio colectivo fundamental, a música.
Fotografía: La Región.