A edición deste ano decorre nos días 31 de agosto e 1 de setembro.
Haberá música, danza e artesanato ligado coa música de raíz galega.
O Festival Intercéltico O Son do Pazo é organizado na vila de Mos, polo Circulo Cultural e Deportivo Santa Eulalia. Este ano, no sábado, decorrerá a primeira edición do concurso de cuartetos, e a segunda edición das Olimpíadas Rurais. Nesta xornada, tamén haberá ruada coas gaitas de Abrentes, a asociación cultural de Cerdedo-Cotobade fundada en 1994.
Tamén participará a Banda de Gaitas local Airiños do Castelo, a banda de folk basca Korrontzi e o combo dirixido polo multiinstrumentista Xosé Lois Romero, Xosé Lois Romero & Aliboria, autodefinido como tribalismo neo-folclórico galego, baseado nas voces femininas e a percusión tradicional. O cartel 2024 conta tamén co grupo bergantiñán Alana, creado en 2023 e integrado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, unha proposta que mistura a música tradicional e os ritmos contemporáneos de base electrónica e pop e que foi recoñecida co premio Xuventude Crea 2023 na categoría para música. E aínda, estará en Mos tamén a discoteca móbil La Duendeneta.
Durante a xornada do domingo, haberá animación para crianzas da man de Paco Nogueiras, obradoiro de baile con Miguel Pardo e actuación do grupo tradicional, Os Melidaos, nacido en Melide xa no ano 2001.