Lata de pementón

A vontade de desenvolver o ritmo e crear música imponse, e como xa temos visto, en non poucas ocasións a falta de instrumentos ou competencias, ten sido unha oportunidade para explorar a percusión co propio corpo, o uso da voz ou a integración de elementos cotidianos para acompanhar melodías, permitindo moitas veces, fermosas descubertas.

Un destes elementos cotidianos é a lata de pemento, usada como instrumento de percusión, máis barata e accesíbel que as pandeiretas ou tamborís. De feito, nin sequera era considerada propiamente un instrumento musical, por non ser a súa función orixinal.

O seu uso comezou sendo anecdótico, e máis por necesidade -por faltar un tamboril, por exemplo-, apañábase a lata para facer a percusión. Inicialmente vendíanse en ultramarinos, con producto a granel, aínda que hoxe son moito máis difíciles de encontrar, para alén de que ainda sendo o pemento en pó o ingrediente estrela para as elaboracións culinarias “á galega”, igual non che cómpren 12 kg na despensa… Daquela, no noso obradoiro tamén temos as latas de pemento á venda, xa baleiras e preparadas para enriquecer a estética sonora dunha boa foliada.

As latas de orixe, porén, non foron de pemento: as primeiras latas para uso como instrumento de percusión das que se ten referencia en Galiza eran de gas. Gas de acetileno, que se utilizaba para as lámpadas de comezos do século XX, os coñecidos candís de carburo. Pois ben, as pedras de carburo para os candís viñan en grandes latas de metal, as primeiras en seren utilizadas, fundamentalmente por mulleres, para acompañar os cantos. Cando os candís deixaron de ser utilizados, coa entrada da luz eléctrica, as latas de carburo foron sendo substituídas polas de pemento, que eran moi similares, tanto no son como nas dimensións. 

A distribución xeográfica do seu uso concéntrase nas comarcas do sul e do interior, nomeadamente na Limia e na Baixa Limia, o Ribeiro, Verín e o Carballliño. Aínda que tamén se ten recollido o seu uso nos concellos de Forcarei ou A Lama.

O músico e investigador Pablo Carpintero ten sinalado que nos fiadeiros da Limia era frecuente o canto ser acompañado só por latas, xa que naquela altura -anos 20 e 30 do século pasado- había pouco diñeiro e non era tan sinxelo adquirir unha pandeireta. 

O humilde da ferramenta, non impide o virtuosismo, recoñecendo Carpintero ter visto mulleres tocadoras que “mantiñan a lata no aire, golpeándoa continuamente con ambas as mans.” Así e todo, o máis frecuente é tocar sentada, colléndoa no colo, apoiando a lata nas pernas e golpeándoa na parte frontal, coas dúas mans alternativamente. 

O seu son é de seu intenso, así e todo, sempre hai quen gosta da tralla, daquela, tense visto quen a teña percutivo con paus ou culleres, e até, como curiosidade, na veciña provincia de Zamora, hai documentado o uso de tocadoras que usaban dedais en todos os dedos de ambas as mans, para intensificar a potencia sonora da lata.

O antropólogo Carmelo Lisón-Tolosana recolle a referencia, por exemplo, das seituras en Cea: “E comíamos cachucha, lacós, chorizos, carne, sopas de viño co azúcar, yemas de huevo, e á noite, hasta as catro da mañána baile, tocando pandereta e lata do gas”.

En Avión, Carlos Rei recolleu esta copla, coa que nos despedimos por hoxe:

Heiche toca-la latiña,
heiche toca-lo latonhe.

Heiche toca-la latiña,
do meu corazonhe.