Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño

Este ano a autora homenaxeada no día das Letras Galegas é Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014). Begoña foi xornalista, activista feminista e independentista, e autora de dúas novelas que ocupan hoxe un lugar de referencia na narrativa galega contemporánea: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Mais quen a coñeceu lembra tamén, e con frecuencia antes que moitas outras cousas, a súa relación coa música.

Begoña sabía de cor a letra de todas as súas cancións favoritas. Cantábaas: nos bares con música alta, nas foliadas, nos concertos, na casa. Entendía a música tradicional galega como patrimonio vivo, e a música non era para ela un entretemento nin un complemento á vida política e intelectual que levaba. Era parte da mesma cousa.

Frecuentou durante anos a Casa das Crechas, o mítico local de música ao vivo do casco vello de Compostela, e alí fixo moitas das amizades do ámbito musical que a acompañarían toda a vida: Moncho Díaz, Tereixa Novo, Guadi Galego… Atendía ás producións culturais e artísticas, e tanto prestaba atención ás novas propostas como era fiel ás de sempre, das que daba conta moitas veces no seu traballo na radio galega, no Diario Cultural e outros programas.

BC_18

Un mapa musical sen fronteiras

O seu universo sonoro era tan amplo como as súas curiosidades políticas e intelectuais. A lusofonia entráballe polos oídos: Escoitaba e cantaba as letras de Fausto, Deolinda ou o Zeca Afonso. Adoraba as músicas dos países africanos de lingua oficial portuguesa, como a cabo-verdiana Cesária Évora. Vibraba co Brasil de Adriana Calcanhoto, e con todo o universo da canción latinoamericana: Chico Buarque, Mercedes Sosa ou Violeta Parra.

En 1993, cubriu xornalisticamente a visita de Silvio Rodríguez a Compostela. Notábase que coñecía ben a música cubana, e foi, din as que estaban, a xornalista que fixo as preguntas máis interesantes na rolda de prensa. Dese encontro naceu unha amizade con Frank Delgado, o teloneiro que acompañaba a Silvio na xira, quen acabaría por lle dedicar unha canción: “Utopías”.

BC_29

Begoña Caamaño en Cuba con Yolanda Benet.
Fonte: Arquivo de Begoña Caamaño.

Unha vida con banda sonora

Na Illa da Arousa alugou, durante uns anos, unha casiña coas súas amigas Ugia Pedreira e Uxía Senlle. Recibían visitas de máis amizades; o actor Carlos Blanco, o músico português Luíz Caracol ou o cubano Pablo Milanés pasaron por alí, entre moitas outras persoas. E as sobremesas alongábanse entre conversas e cancións, das máis frívolas ás máis revolucionarias. Ela sabía as letras de todas. Cantaba bastante mal, pero cantaba, porque a base da música é a alegría, non o virtuosismo.

Cando morreu, en outubro de 2014, a súa amiga Uxía Senlle leu unha carta de despedida na que Begonha pedía, como último desexo, escoitar o Alalá das Mariñas. A música, tamén no final, era o lugar onde quería estar.

Este 17 de maio lembramos unha muller que entendeu a cultura ao estilo da labranza tradicional: como un oficio, un cultivo, un xeito de estar no mundo. E nese mundo, a música sempre soou.

BC_27

Begoña Caamaño coa súa amiga a música Uxía Senlle. 
Fonte: Arquivo de Begoña Caamaño.