Luísa Villalta, escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2024

O 17 de maio é o Dia das Letras Galegas. A efeméride que cada ano homenaxea referentes do campo literario naceu no ano 1963, coincidindo co centenario da saída do prelo da primeira edición do libro Cantares Gallegos, de Rosalía.

Ese primeiro ano de conmemoración foi en homenaxe a Rosalía de Castro, e desde entón, a inmensa maioría dos homenaxeados foron autores, destacando por excepcionais, as referencias a escritoras, que foron: Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018), Xela Arias (2021) e este ano, Luísa Villalta.

A edición de 2024 é daquela, a sexta em que unha muller escritora conquista o recoñecemento. E este ano ademais, unha muller con fondas conexións coa música:  Luisa Villalta (A Coruña, 1957-2004) aprendeu a tocar o violino a partir dos oito anos, no conservatorio da Coruña, cidade na que naceu, e na que morreu, en 2004 a causa dunha meninxite, con apenas 46 anos.

A música foi unha das súas principais ocupacións, e tamén obxecto literario e influencia, tanto na súa poesía como nos seus ensaios. No prólogo do seu primeiro libro de poemas, Música reservada (Ediciós del Castro, 1991) conecta deste xeito música e palabra:

“Se o princípio foi a palabra, antes dela foi o son e, despois, o entendimento e transmisión da súa melodia. Eis a Música, que brota como o rio da existencia, e a Palabra, que interpreta o seu ritmo como unha danza ritual arredor do lume da intelixéncia. Eis a Poesia, palabra melódica”.

Luísa Villalta escribiu poesía, teatro, narrativa e ensaio. Realizou traducións e publicou artigos en prensa, comprometéndose cos movementos sociais do seu momento. Sobre a súa escrita, a xornalista e académica Ana Romaní, di, na biografía sobre a autora que disponibiliza a Real Academia Galega: “Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na súa singularidade; e sendo unha escritora que se incardina no seu tempo, traza no literario insólitos itinerarios.”

O escritor e músico coruñés Xurxo Souto, definía recentemente a Villalta como “Unha muiñeira vella bergantiñá” nun artigo que publicou Noelia Gomez en elsaltodiario.com. E aínda continúa, o vocalista dos Diplomáticos de Monte Alto: “Tamén podía ser unha obra de Béla Bartók e, sobre todo, calquera obra referida á música das esferas de Bach”. Concluíndo: “Bach e muiñeira vella, iso é Luísa Villalta. Perfección formal absoluta, paixón e recendo popular. Esa síntese é moi difícil de facer, pero ela conseguiuno”.

Na segunda metade da década dos anos setenta Luísa Villalta crea o grupo de música Escaino, misturando sonoridades da música de raíz e referencias do jazz, onde ela toca o violino xunto con Juan Fernán Bello (percusión), Paulino Pereiro (frauta traveseira) e Luis Pereiro (clarinete). 

Nos anos oitenta ingresa na Orquestra de Santiago e posteriormente na Xove Orquestra de Galicia.

Ao mesmo tempo estudou filoloxía hispánica e máis filoloxía galego-portuguesa. Tras aprobar as oposicións en 1988, dedicouse á docencia, exercendo como profesora de Lingua e Literatura Galegas en Oleiros, Ferrol e Sada.  E aínda, sacou tempo para publicar numerosos artigos en prensa, textos en publicacións colectivas e máis dunha ducia de libros, entre os que destacan os poemarios Música Reservada (1991), Ruido (1995), a obra de teatro Concerto para un home só (1989). ou o ensaio O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega (1999), entre outros.