Os aturuxos son ese berro de excitación que tantas veces se intercala entre pezas musicais ou bailes tradicionais, en momentos chave, de máxima euforia. Funciona como un estímulo ao grupo, e pode favorecer como reacción outros aturuxos ou berros de ledicia, o que reforza o xúbilo colectivo e chama a participar da festa: ben para sumarse aos cantos, ben para sumarse ao baile.
Segundo o dicionario da RAG é:
(s.m.) Berro agudo, forte e prolongado que se emite en sinal de alegría, nas festas e foliadas ou mentres se realizan algúns labores agrícolas. O son da gaita e os aturuxos dos mozos, velaí a festa.
Sinónimos: agrúo, aturulo, grixido, ufido.
Porén, é probábel que a diversidade de usos do aturuxo se teña reducido co decorrer da historia, xa que nalgunhas épocas seguramente teña sido, para alén da expresión festiva, un berro útil para facilitar a identificación, como forma de aviso da localización, por exemplo, para persoas que traballaban os se desprazaban polo monte.
De feito, a descrición do significado deste termo tivo unha evolución e diversidade de matices, dentro das épocas das que podemos ter rexistro. No século XVIII, por exemplo, o Padre Sarmiento recolle como definición no seu “Catálogo de voces y frases de la lengua gallega”: “Es dar baya y cantaleta a uno a voces; y en especial cuando en la calle se silba a uno metiendo el dedo en la boca, como, cuando sacan una bruja a azotar. Dícese también a un enfadoso non me aturuxes.”
No século XIX, no “Diccionario gallego-castellano” elaborado por Francisco Javier Rodríguez Gil e publicado en 1863, defínese como: “Berrear, dar un berrido desentonado por conclusión de una cántiga, y más generalmente cuando hay vino. El berrear de los hombres es ingrato al oido é incómodo. Algunas mugeres tambien lo hacen, pero sin que desagrade.” E no “Diccionario gallego” de Juan Cuveiro Piñol de 1876: “Berrear, dar gritos ó voces desentonadas, especialmente al concluir alguna cantiga, y más particularmente cuando se bebió demasiado.”
En canto á forma, os aturuxos procuran que a voz acade a máxima potencia sonora. Adoitan comezar coa emisión dunha vogar entre un i e un u, e sobre ese son vanse incorporando unha serie de picados, máis ou menos seguidos. A curva de potencia que comeza ascendente, incorpora os picados e remata descendendo. A duración dun aturuxo pode variar dos catro até os dez segundos, aproximadamente.
A orixe dos aturuxos é incerta, segundo o etnomusicólogo alemán Marius Schneider este berro imita o dunha fera, e é un fenómeno místico da antiguidade que se tería propagado desde as culturas megalíticas, o que podería remontar a orixe dos aturuxos até 5000 anos antes da nosa era. De feito, segundo recoñece Pablo Carpintero para o Consello da Cultura Galega: “a emisión de sons coa voz con carga emocional, precedeu á fala tal e como hoxe a entendemos, de igual xeito que o cerebro emocional precedeu ao racional”.
Dentro da península ibérica hai outros territorios, para alén do noso país, onde existen expresións semellantes; por exemplo, os ixuxús asturianos, os ijijís leoneses ou os irrintzi no País Basco. Todas as comunidades humanas e mesmo moitas outras especies animais con capacidade fonadora teñen gritos para expresar alegría ou outras informacións.
O particular dos aturuxos, daquela, é o xeito característico de ser emitido, e o extraordinario é termos conseguido conservar viva colectivamente unha práctica ancestral cuxa función é expresar a alegría pre-racional da foliada.