O baile tradicional é unha creación colectiva transmitida xeracionalmente através da celebración de festas, que constitúe unha das marcas da identidade común dun pobo. O baile tradicional galego foi declarado ben de interese cultural do patrimonio inmaterial de Galicia en 2018.
Actualmente podemos falar de dous tipos de práctica en baile, a formal, exercida por bailadoras expertas de grupos folclóricos, e a informal ou espontánea, onde baila quen queira, saiba máis ou saiba menos, xa que as músicas tradicionais intégranse en moitas festas.
No primeiro tipo de práctica, ritualizada, o baile funciona como exhibición; en festas e eventos ou como representación escenificada. Nesta liña existen festivais especializados e concursos, tanto a nivel galego como internacional. Este uso, o ritual, é exercido por bailadores e bailadoras “profesionais” -non no sentido de recibiren necesariamente unha compensación económica pola súa actividade, mais si no de teren unha formación especializada-. Estas persoas contan, as máis das veces, con centos de horas de ensaios ás costas, e están ligadas a algunha agrupanción folclórica, das que existen centos en todo o país. Daquela, as actuacións requiren certa rixidez formal, respectando as convencións de xénero e estilos, e sempre acompañadas do traxe tamén tradicional, sexa de gala ou de cotío. A súa contemplación é un espectáculo estético e artístico.
A segunda liña de práctica, máis espontánea -e síntoma de estar o baile vivo- é a que pode xurdir en contextos informais e danzarse como forma de lecer contemporánea, con vestiario de rúa, nunha foliada, nunha taberna ou nun casamento por parte das asistentes. As persoas que se suman non teñen que cumprir ningún pre-requisito e o seu xeito e habilidade non vai ser avaliada. Sendo os bailadores e bailadoras non profesionais, o virtuosismo é menor, mais esta é unha práctica inclusiva, que favorece a participación, e incluso, a mestizaxe con outros ritmos e estilos. Contodo, non é infrecuente que bailadoras e bailadores expertos estean tamén infiltrados nestes eventos, e sexan quen animan a roda e sacan punto.
O obxectivo é pasalo ben e divertirse. E o baile tradicional informal aínda acontece en calquera cidade ou vila galega, ou mesmo no estranxeiro, ali onde se xuntan en Centros Galegos as miles de persoas que sairon fóra.

Fotografía: @PONTE…NAS ONDAS!
Baile solto e baile agarrado
Os bailes soltos realizan unha coreografía a partir da posición de roda ou de dúas filas enfrentadas. Consta de varias partes: o punto, a volta e, nalgúns casos, o paseo ou descanso. Existe unha persoa que guía e saca punto. Os puntos son unha combinación de pasos que se poden crear libremente, no que se combinan desprazamentos, xiros, movementos, e xogos entre as pernas, que despois o grupo todo debe seguir. Aínda que os pasos se poden inventar e as combinacións son infinitas, existe unha serie de pasos base, agrupados en diversas categorías, segundo a frecuencia de utilización, estilo ou importancia.
O solto báilase en parella, facendo os xestos en espello, simétricos dun e outro lado.
Os máis coñecidos son a muiñeira e a xota, aínda que dentro de cada un destes tamén hai diferentes tipos.
Por outra parte, entre os bailes agarrados, que esixen contacto físico e se bailan en parella, destacan o pasodobre, o vals, a rumba, a polca ou a mazurca, entre outros.

Fotografía: @PONTE…NAS ONDAS!
Danzas
Mención independente merecen as danzas, que teñen unha coreografía precisa, máis ríxida, un vestiario específico e están ligadas a un rito particular. Destacan as danzas gremiais, ligadas a unha profesión, de orixe laica, aínda que posteriormente a igrexa as asimilou asociándoas ás honras a algún santo. Son exemplo disto a Danza dos Arcos dos mariñeiros, en Betanzos, ou a Danza de Paus, dos xantres, en Allariz.
Outro tipo de danza son as nupciais, interpretadas nos casamentos, sendo recoñecida a regueifa, bailada con un bolo de pan na cabeza que despois é repartido entre as persoas convidadas. Tamén ten sona a danza do galo: a representación dun xogo de cortexo, en que un home galantea cun grupo de mulleres. E aínda, cómpre lembrar que existiron danzas funerarias, hoxe desaparecidas, que se realizaban en homenaxe ao finado. Exemplo disto era a chamada danza do abellón, que consistía nunha roda de persoas que xira ao redor do defunto, imitando coa voz o zumbido das abellas.
Das danzas relixiosas, ligadas a algunha celebración católica, como as danzas de Nadal ou aninovo, ou as ligadas a unha romaría concreta, destacan as famosas danzas de Darbo e Aldán en Cangas, ou a de Arcosen, en Cariño.

Fotografía de Eduardo Rodríguez Recio.
Fotografía de portada: Eduardo Rodríguez Recio.