O Cancioneiro Popular Galego é un traballo fundamental para a música de raíz galega, a máis completa achega para a conservación do noso folclore: unha compilación de máis de 5.000 pezas recollidas e clasificadas entre 1978 e 1983 por Dorothé Schubarth, co apoio de Antón Santamarina.
Dorothé Schubarth, musicóloga e compositora suiza (Basilea, 1944) chegou a Galiza com 34 anos, e pasou cinco recorrendo a xeografía galega neste traballo de recollida, un proceso que foi para alén do laboral, creándolle un vínculo permanente coas persoas informantes, co noso idioma e co noso país, que continúa até o día de hoxe.

Fotografía: Flickr_Juantiagues
Todo este corpus é o material sobre o que se fundaron novos métodos para a
etnomusicoloxía, xa que Schubarth fai unha proposta con parámetros de clasificación e estudo científico que segue vixente. Foi, por exemplo, a primeira que recoñeceu a importancia das persoas informantes, recollendo os seus nomes e algúns datos sobre elas.
Un labor inxente que conserva a diversidade e riqueza das melodías, coplas e repertorios da música galega de raíz, e que aporta tamén información fundamental dun punto de vista sociolóxico.
O cancioneiro foi editado en 1984 pola Fundación Barrié, e aínda que hoxe a versión impresa está descatalogada, pódese consultar de forma dixital aquí. Consta de sete volumes, e cada volume divídese en melodías, partituras, letras e anexos.
- Volume I: Oficios e Labores
- Volume II: Festas Anuais
- Volume III: Romances Tradicionais
- Volume IV: Romances Novos, Cantos Narrativos, Sucesos, Coplas Locais e
- Volume V: Cantos Dialogados
- Volume VI: Coplas Diversas, Cantos Enumerativos e Estróficos
- E o último, Volume VII que son apenas: Táboas Sinópticas e Índices

Fotografía: Flickr_Juantiagues
O inxente material ten recursos aínda pouco divulgados, en particular dos tipos musicais menos frecuentes nos escenarios e nas foliadas, como os romances, os cantares de cego ou os cantos de reis. Porén, son un material valiosísimo dun punto de vista da literatura oral e da socioloxía.
No ano 2014, Dorothé doou os seus rexistros sonoros ao Museo do Pobo Galego, un material arquivado en 248 CDs, copias dos casetes orixinais, coas correspondentes transcricións, feitas por Antón Santamarina. Deste xeito, este material fai parte hoxe do Arquivo Sonoro de Galicia.
No ano 2020, Alejandro Gándara e Olaia Tubío estrearon o documental Dorothé na Vila que mostra e reflexiona sobre o traballo de campo realizado pola musicóloga suíza.

Fotografía: Flickr_Juantiagues
Fotografía de portada: Consello da Cultura Galega