O entroido en Verín

O Entroido da vila arraina de Verín é un dos máis recoñecidos, forma parte do triángulo máxico, xunto con Laza e Xinzo, e ten sona internacional, tendo sido declarado Festa de Interese Turístico a nivel estatal.

Sobre os entroidos galegos xa temos feito um repaso aquí.  Son, xunto cos magostos, das principais festas tradicionais do inverno. Ou máis ben do fin do inverno, xa que esta celebración festexa o remate da estación e a próxima chegada da primavera. O propio termo entroido, proveniente do latín introitu, significa entrada, comezo.

Desta volta imos colocar o foco no Entroido protagonizado polos cigarróns, os personaxes mais renomeados da vila arraiana que conforma, xunto co municipio portugués de Chaves, a Eurocidade Chaves-Verín.

Foto: Páxinas Galegas.

Durante estas semanas, entre o 20 de febreiro e o 4 de marzo, o municipio de Verín programa diferentes actividades e máis de 160 horas de música ao vivo. Un modo festivo que acompaña as celebracións populares tradicionais.

Inaugurou a festa o Xoves de Compadres e rematará o Martes de Entroido. Destaca, entre medias, o Domingo Corredoiro, que este ano cadrou no 23 de febreiro. Esa mañá ten lugar a primeira concentración de cigarróns, que corren polo centro da vila. Pola tarde, na praza maior houvo baile de máscaras e unha batalla de fariña, a fariñada. A seguinte data destacada é o Xoves de Comadres (27 de febreiro), en que as mulleres saen disfrazadas en grupos, sen homes. A seguir celébrase o Venres de Compadreo (28 de febreiro), e despois xa comeza o sábado e domingo de Entroido (1 e 2 de marzo). O domingo, 2 de marzo, é un dos días centrais, onde acontece o Desfile con carrozas, comparsas, e, claro, tamén con cigarróns. Despois entra o luns Fareleiro (3 de marzo), en que tradicionalmente os mozos e as mozas batallan guindándose fariña, e finalmente a traca final, o Martes de Entroido (4 de marzo), que despide a festa até o próximo ano.

Os cigarróns

Entroido non é carnaval, e o de Cigarrón non é un disfraz, é un traxe. Adoita herdarse e fai parte da identidade de cada casa. Pesa arredor de 25 quilos, así é que cómpre axuda para o vestir, e adestramento para saber levalo. 

As máscaras son o elemento máis icónico, teñen deseños con cores rechamantes e motivos animais, como águias, bois, lobos ou cabras. E si, para non especialistas, son idénticas ás dos Peliqueiros de Laza. O resto do vestiario é camisa e medias brancas con ligas, panoleta sobre a chaqueta colorida, unha faixa á cintura, zapatos escuros e chocas, un complemento fundamental, amarrado á cintura, o responsábel de repenicar ao ritmo do corpo. As chocas -tamén coñecidas como chocallos- son comúns a moitos dos personaxes de outros entroidos galegos como as pantallas de Xinzo, os boteiros de Viana do Bolo ou os felos de Maceda. Tamén é un complemento importante a zamarra, esse látego que levan, coa que se pode varear a quen non ande con atención. Porque o entroido, ao igual que a música tradicional, máis que para ver, é un espectáculo para facer parte.

Fotografía: emiliomartinserna.com