O entroido en Xinzo

A orixe do entroido é antiga, sospéitase que pre-romana, e está relacionada co primeiro momento agrícola do ano, e abre o ciclo en que os días comezan a medrar. Este vínculo cos ciclo da natureza é frecuente na maioría de celebracións rituais, e é común a moitas culturas ao redor de todo o mundo.

O entroido galego é un exemplo da porfía do noso pobo pola alegría, xa que é unha tradición tan antiga como chea de vitalidade, e que resistiu até de forma clandestina cando foi prohibido pola dictadura franquista.

Diferentes festas de entroido, máis ou menos xenuínas, percorren o país de norte a sur, e todas merecen visita algún ano, aínda que sendo o noso un obradoiro de Ourense, temos que recoñecer que temos debilidade polo coñecido triángulo máxico.

Desta volta, vamos pór o foco en apenas un dos tres puntos deste triángulo, Xinzo, que conforma unha das tres celebracións máis sonadas, xunto con Verín e Laza.

Fotografía:

En Xinzo de Limia é onde decorre o entroido máis longo do país e do Estado, até cinco semanas de celebración, nunha festa que “é un sentimento”, e foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2019.

Tres semanas antes do martes de entroido, a festa enceta no Sábado do Petardazo que inaugura a festa rachada para cinco semanas: o seguinte fin de semana é cando decorre o coñecido Domingo Fareleiro; ese día a fariña baña a quen pase pola Praza Maior. Na semana a seguir é o sábado do Desfile e Colgamento do Meco. O Meco, feito de palla e parodiando algún personaxe de actualidade, percorre a zona vella acompañado pola súa comitiva e rodeado de fachóns, até a Praza Maior, onde é colgado e permanece até o final do Entroido. A semana consecutiva é o Domingo Oleiro, en que se pasan olas cheas de fariña, auga ou confeti entre as persoas asistentes, e a quen lle cae e lle rompe a ola, tócalle convidar a unha ronda nun dos bares. Na seguinte fin de semana continuase co Domingo Corredoiro, que xa comeza na noite do sábado, e en que é tradicional as mulleres e os homes sairen en grupos separados para a festa.

Fotografía:

E finalmente a tralla final: Vernes, Sábado, Domingo, Luns e Martes de Entroido. O Martes é o día máis importante co Grande Desfile, multitudinario, con carrozas e comparsas. O Mércores toca o Enterro da Sardiña, a xornada máis mordaz, en que decorre a tradicional procesión imitando o rito católico, con lectura de testamento satírico, e todo acompañado de bispos, curas, sancristáns e viúvas choronas. O final chega no Domingo de Piñata, unha despedida moi doce para os máis pequenos, encargados de rebentar as piñatas cheas de lambetadas.

Desfiles, charangas, concertos e actividades para crianzas complementan a proposta tradicional, facendo desta época o momento de máis colorido e cheo de visitantes de todo o ano na vila limiá.

Fotografía:

As pantallas

As ‘pantallas’ son as grandes protagonistas do entroido limiao de Xinzo, só poden saír polo día e ninguén as pode tocar (non ao contrario, xa que elas si que poden meterse coa xente). Van vestidas con traxe branco, capa e faixa vermella e chocas á cintura. A máscara é confeccionada de xeito artesán, con cartón, papel de xornal, fieltro, engrudo de fariña, auga e pinturas. Teñen deseñada cara de demo con cornos e son feitas de unha peza.

Nas mans, levan vexigas -orixinariamente de vaca- que se baten entre si, para facer barullo e para amolar a quen ande na festa sen disfraz. Que non te apañen nesa!