O entroido

Ai entroidiño!
Que falta nos fas!

Pois non é desgusto menor ter que deixar pasar unha das mellores festas do ano. Moitos e moitas dirán sen dubidar que a mellor; en particular a xente do sur galego, onde a provincia de Ourense ten, merecidamente, o protagonismo. 

É unha desas celebracións catárticas, que permiten subverter a orde estabelecida e pór todo patas para arriba. Os entroidos galegos son dos mais longos do mundo, extendidos no tempo até as cinco semanas de troula en Xinzo, iso si que é muiñada! E dos mais antigos, como o inmemorial de Viana do Bolo.

O triángulo máxico -Xinzo, Verín e Laza- é en realidade un eneágono, que Riós, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Manzaneda, Maceda e Sarreaus tamén teñen festa brava.

Fotografía: @juantiagues | Flickr

E non hai festa sen música e barullo: charangas e tambores son algúns sons ben característicos desta altura. Salientan, en particular, as campás e chocas que repenican amarradas á cintura dos traxes de máscara: peliqueiros, pantallas, cigarróns, boteiros, felos, vellaróns, vergalleiros…Os chocallos repenican ao ritmo do corpo e non faltan os aturuxos.

Nas comparsas de antroido pode tocarse de todo, aínda que a percusión é a estrela, cos tambores como protagonistas. Nalgúns casos, como o folión de Mormentelos en Vilariño de Conso, tamén fan soar cornos e cornetas. E os folións de Manzaneda, que danzan ao ritmo dos apeiros de labranza, sen faltaren gaitas!

Fotografía: @juantiagues | Flickr

 Indo cara o oeste, en Vilaboa -na provincia de Pontevedra- tamén é importante o entroido de Cobres, en que se parodian as clases sociais mais altas co desfile de madamas e galáns: Xoiaría a máis non poder, e a cara descuberta, que é para fachendear. Aquí a charanga marca o compás.

Algo máis ao norte están os tamén famosos Xenerais da Ulla, unha parodia magnífica en que o instrumento protagonista é a voz, ao máis puro estilo de duelo regueifeiro, e afrenta ás posicións de poder. Ademais, o exército dos xenerais contaba tradicionalmente co seu propio conxunto musical, neste caso, un grupo de requinteiros.

E aínda, merecen visita a voda da pita, en Cudeiro (Ourense), as bonitas de Sande, en Cartelle (Ourense), ou indo algo mais lonxe, na mariña lucense, o desfile do domingo de piñata en Lourenzá. Tamén o enterro do famoso loro Ravachol, en Pontevedra. O oso de Salcedo, na Pobra de Brollón, ou os bolantes, de Chantada. E, atravesando o país até ben ao norte, os choqueiros de Monte Alto, na Coruña, non pararon nin no franquismo; os traxes son caseiros e disparatados, e tampouco desmerecen, eh?

Temos entroido para celebrar de norte a sur, mais desta volta tocará agardar ao ano que vén. Aquí xa estamos a contar os días!

Fotografía de portada: @xindilo (Óscar) | Flickr